Na pasada IFA 2019 o fabricante surcoreano LG deu a coñecer un novo terminal da familia G8, o LG G8X ThinQ. Trátase dun dos modelos cos que LG quere introducirse dentro dese segmento de “terminais pregábeis” pero cun pequeno matiz: que non aposta polas pantallas flexíbeis, senón por un accesorio adicional.
O dispositivo chega agora ao noso país, cunha folla de especificacións que o sitúan dentro desa gama difusa entre a media premium e a alta básica. Vexamos as súas especificacións.
Características do LG G8X ThinQ
- Pantalla: 6,4 polgadas OLED FullVision FHD+ (2340 x 1080 px, 403 ppp).
- Procesador: Qualcomm Snapdragon 855.
- Memorias: 6 GB de RAM + 128 GB de interna (+ microSD até 2 TB).
- Cámara traseira: dobre (12 Mpx con f/1.8 + 13 Mpx con f/2.4 super gran angular 136º)
- Cámara frontal: 32 Mpx
- Batería: 4000 mAh de capacidade
- Outros: lector de pegadas dixitais en pantalla, NFC, USB Tipo C.
Máis aló da folla de especificacións
Non cabe dúbida de que o que fai especial a este dispositivo é o accesorio que permite ampliar a pantalla. Chámase Smart Screen, e é unha evolución do que puidemos probar no pasado MWC, que agora dispón de dúas pantallas.
A principal é de 6,4 polgadas, formato 19.5:9 e resolución FullHD+, de maneira que non imos notar a diferenza coa que integra o propio dispositivo. A secundaria, de 2,1 polgadas, é unha pantalla monocroma pensada para amosar notificacións cando está “pechada” coma un libro.
Con esta pantalla multiplícansenos as opcións para o traballo en multitarefa, ao poder ter varias aplicacións abertas ao mesmo tempo en tamaño “grande”. Coas súas especificacións hardware teremos unha experiencia fluída, e sen problemas de quedarnos sen espazo grazas á capacidade de ampliar memoria mediante microSD.
Outros puntos que cómpre destacar do dispositivo son os relacionados coa intelixencia artificial (de aí o apelido ThinQ), que basicamenteestán centrados no aspecto fotográfico (aínda que tamén nos relacionan cos dispositivos intelixentes de LG), e o son, un punto no que LG está destacando bastante. Por outro lado, a súa batería pódese cargar con carga rápida Quick Charge 3.0.
Dispoñibilidade e prezo
O novo LG G8X Thinq está dispoñíbel por 949 €, un prezo no que xa está incluída a segunda pantalla como accesorio.