Google anunciou o pasado mes de marzo que estaba a traballar nunha plataforma de videoxogos en streaming. Falamos de Google Stadia, que tras moitos meses de espera chegará ás usuarias o vindeiro 19 de novembro.
O lanzamento de Google Stadia parece estarse facendo en diferido, pois se nun primeiro momento vimos como se abrían as pre-reservas e posteriormente se publicaba – hai escasos días – a aplicación na Play Store, agora sabemos que xogos estarán dispoñíbeis o día de lanzamento.
En concreto serán 12 xogos o día do lanzamento, aos que haberá que sumar outros 19 antes de que remate o ano 2019. Son os seguintes:
- Dispoñíbeis no lanzamento (19/11): Assassin’s Creed Odyssey, Destiny 2: The Collection, GYLT, Just Dance 2020, Kine, Mortal Kombat 11, Red Dead Redemption 2, Thumper, Tomb Raider: Definitive Edition, Rise of the Tomb Raider, Shadow of the Tomb Raider: Definitive Edition, Samurai Shodown.
- Dispoñíbeis antes de 2020: Attack on Titan 2: Final Battle, Borderlands 3, Darksiders Genesis, Dragon Ball Xenoverse 2, Farming Simulator 19, Final Fantasy XV, Football Manager 2020, Ghost Recon Breakpoint, GRID, Metro Exodus, NBA 2K20, RAGE 2, Trials Rising, Wolfenstein: Youngblood.
Aquelas persoas que queiran facer a reserva de Google Stadia aínda están a tempo, e recibirán por 129 € todo o necesario para xogar: un Google Chromecast Ultra, co mando Stadia e 3 meses de subscrición a Google Stadia (9,99 €/mes).