O 2019 pasará á historia no campo dos smartphones como o ano no que apareceron os primeiros terminais pregábeis. A evolución das pantallas, desde aqueles paneis OLED flexíbeis de LG e o seu LG G Flex, permiten que teñamos propostas que apostan por pantallas que se recollen sobre si mesmas para ofrecer máis en menos espazo.
Samsung e Huawei dispoñen das súas alternativas e agora Motorola ten por fin, tras un un longo período de hype, o seu Motorola Razr preparado. Trátase dunha renovación do Razr V3 de 2004, pero agora equipado cun panel pOLED flexíbel.
Especificacións técnicas
Como dicimos, o novo Motorola Razr3 está equipado cun panel pOLED pregábel de 6,2 polgadas, resolución HD (2142 x 876 píxeles) e relación de aspecto 21:9 Cinemavisión. Na tapa dispón dunha segunda pantalla para ver notificacións, un panel gOLED de 2,7 polgadas e resolución 600 x 800 píxeles, con relación de aspecto 4:3.
No seu interior leva un procesador Qualcomm Snapdragon 710 de oito núcleos a 2,2 GHz, xunto con 6 GB de memoria RAM e 128 GB de memoria interna. A súa batería sitúase nos 2510 mAh de capacidade, con carga rápida TurboPower de 15W.
Se falamos de cámaras, temos un sensor principal de 16 Mpx con apertura f/1.7 e Dual Pixel, mentres que a cámara frontal é un sensor de 5 Mpx con apertura f/2.0.
Non todo son especificacións
Se o comparamos coas apostas de Samsung e Huawei veremos que este modelo de Motorola non entra na guerra por competir no aspecto de contar coas características técnicas máis avanzadas, senón que o fai no do deseño.
A diferenza das outras alternativas, o Motorola Razr é un modelo “tipo cuncha”, o que permite ás usuarias reducir o tamaño do dispositivo que levan no peto ou bolso sen ter que renunciar a contar cunha pantalla grande para o seu uso.
Android 9.0 Pie e eSIM
En canto ao software, Motorola decidiu presentar o seu teléfono con Android 9.0 Pie, sen capa de personalización, reducindo as necesidades hardware para ter un dispositivo máis fluído. Neste aspecto, sería bo que xa levando un tempo Android 10 no mercado a aposta fose por presentalo coa última versión software, pero imaxinamos que non tardarán en ter a actualización.
Outra das novidades que presenta este modelo é que non dispón de tarxeta SIM clásica, senón que unicamente terá eSIM, polo que é un punto a ter en conta se, no momento que saia, decidimos mercalo.
Dispoñibilidade e prezo
O novo Motorola Razr chegará ao mercado en xaneiro de 2020 por 1499 dólares nos Estados Unidos, o que seguramente se traduza en 1499 euros no noso país.