Xa non queda moito para que Star Wars: O ascenso de Skywalker chegue ás pantallas de cinema, e como vén sendo habitual cando está a piques de chegar unha nova cinta da saga, comezan a aparecer edicións especiais vencelladas a esta.
Samsung semella non querer quedar allea a esta moda, e por iso prepara unha edición especial do que sen dúbida é o seu móbil de referencia neste 2019. Falamos, como non, do Galaxy Note10+.
Esta edición especial do Galaxy Note10+ está centrada na figura de Kylo Ren, e ademais do teléfono personalizado para a ocasión conta cunha caixa máis peculiar. Así, aquelas persoas que se fagan con ela atoparán:
- O Samsung Galaxy Note10+ personalizado para a ocasión.
- O S Pen con cores de espada láser.
- Os auriculares Galaxy Buds, personalizados coa imaxe da saga.
- Unha insignia de metal obxecto de colección.
Así mesmo, tamén hai pequenos cambios no software, con fondos de pantalla personalizados, un pack de iconas e sons exclusivos e animacións con referencias a Star Wars.
Dispoñibilidade e prezo
O Samsung Galaxy Note1+ Star Wars Edition porase á venda o día 10 de decembro, dez días antes da estrea da película en varios mercados seleccionados.
En concreto, chegará ao Estado español, Australia, Francia, Dinamarca, Finlandia, Alemania, Hong Kong, Corea do Sur, Noruega, Rusia, Suecia, Turquía, EAU, Reino Unido e Estados Unidos.
En canto ao prezo, polo de agora só temos a referencia dos Estados Unidos, onde chegará por 1299,99 dólares.