Non hai máis que darse unha volta pola rúa fixándose nos móbiles que leva a xente para decatarse de que a presenza de Xiaomi é cada vez maior. A chegada da marca de forma oficial ao Estado español, combinada coa aparición en tendas físicas propias e principais distribuidores, serviu para aupar á marca até a segunda posición, relevando a un danado Huawei pola crise dos Estados Unidos e a rotura con Google.
Cando se cumpren dous anos do desembarco de Xiaomi, a compañía sube un posto e co 23% do mercado (e unha subida do 68%) fica no segundo lugar do ránking das marcas máis vendidas, por detrás de Samsung cun 32% e un crecemento do 21%. Nun quinto posto atópase LG, cun 4% do mercado e un crecemento do 61%, que se ben non é unha cifra para moita celebración – tendo en conta o que foi a marca – reverte unha tendencia á baixa dos últimos anos.
Fica claro que estas cifras positivas explícanse, en boa medida, pola crise de Huawei, que malia manter este trimestre un empate do 23% con Xiaomi, tivo unha baixada do 18%, e a tendencia segue sendo á baixa pola crise internacional que sufre a compañía.
A outra marca que baixa é Apple, aínda que neste caso as cifras non son alarmantes, xa que se trata de un mercado diferente e a compañía adoita ter os seus mellores resultados no último trimestre, debido á chegada dos novos modelos ao mercado.