OnePlus Concept One, o teléfono que agocha as cámaras cando non as usamos

Durante estes días está a celebrarse en Las Vegas o CES 2020, un evento no que o sector tecnolóxico está a amosar as sás novidades en moitas frontes, mais tamén algunhas ideas conceptuais que nos dan unha idea de por onde pode ir o futuro.

O fabricante chinés OnePlus aproveitou a ocasión para amosar un móbil conceptual, o primeiro capaz de ocultar as cámaras cando non se usan sen ter que recorrer a elementos mecánicos. Trátase do OnePlus Concept One.

Como dicimos, o que máis chama a atención deste dispositivo é que é capaz de tapar as cámaras traseiras empregando unha tecnoloxía chamada “electrocromismo” que nos permite escurecer o ton do cristal aplicando electricidade. Non se trata dalgo que inventara a xente de OnePlus, senón que esta tecnoloxía xa se está a empregar no mundo do automóbil e a aeronáutica para polarizar a luz que entra polas xanelas e diminuír a intensidade da mesma.

O teléfono está inspirado no McLaren Spider 720S, un modelo que conta cun teito retráctil de cristal que usa esta mesma tecnoloxía. Para facelo posíbel, OnePlus combinou o cristal con coiro na parte traseira, amosando dúas versións, unha laranxa e outra en negro. No resto de características colleron de base o OnePlus 7 Pro.

Como móbil conceptual, o OnePlus Concept One non será un teléfono que poidamos ver nas tendas, a lo menos polo de agora. Trátase dunha mostra do que está a probar o fabricante de cara a súa implementación – ou non – en futuros dispositivos da marca. Iso si, a pinta é moi boa.

Sobre o autor

Reply