Queda algo menos dun mes para a presentación dos primeiros dispositivos de referencia de Samsung para este 2020, que será o 11 de febreiro, e xa comezamos a ter as primeiras filtracións, tanto de nomes como de imaxes.
Por unha banda temos a familia Galaxy S20, que chega para suceder á actual Galaxy S10. Efectivamente, o primeiro cambio é que damos un salto de dez (S, S2, S3… S10, S20), que non sabemos se será para iniciar un novo ciclo (ao estilo P10, P20, P30 de Huawei) ou para facelo coincidir co ano 2020 e sucesivos (S20, S21…). Pero tamén, como é lóxico, hai importantes novidades, especialmente no módulo de cámara.
O maior da familia, o Samsung Galaxy S20+, aparece nunhas fotografías publicadas en XDA Developers, e de seguro que nos próximos días iremos vendo novas fotos “roubadas” de todos os modelos. Sería un dos tres ou catro modelos que haberá, xa que ademais do Galaxy S20, S20E e S20+ tamén se está a falar dun posíbel Galaxy S20 Ultra.
Samsung Galaxy Z Flip
Por outra banda, e segindo a liña do ano pasado, a presentación da nova familia S tamén vai traer novidades nos modelos flexíbeis, cun “Galaxy Fold 2” que sería o Samsung Galaxy Z Flip.
Segundo parece, a estratexia sería optar por un teléfono máis pequeno e considerabelmente máis económico, para facer chegar esta opción a un público maioritario.
Iremos vendo que nos deparan os próximos días, pero isto comeza a poñerse interesante.