O novo Nokia 2.3 democratiza o acceso á IA

HMD Global vén de anunciar a chegada ao mercado da nova xeración do Nokia 2.3, un dispositivo de gama entrada que ofrece como principal novidade unha cámara renovada con múltiples funcións baseadas en Intelixencia Artificial (IA), o que axuda a capturar as mellores imaxes dentro das súas posibilidades.

O trebello conta cunha pantalla HD+ de 6,2 polgadas, e no seu interior alberga un procesador Helio A22, que está acompañado de 2 GB de memoria RAM e 32 GB de memoria interna, ampliábeis a través de tarxetas microSD de até 512 GB. A súa batería sitúase nos 4000 mAh de capacidade.

Dispón dunha cámara dual, formada por un sensor principal de 13 megapíxeles con apertura f/2.2 acompañado por un sensor de profundidade de 2 megapíxeles. Do outro lado, na cámara frontal apostouse por un sensor de 5 megapíxeles con f/2.4. Máis aló do hardware, a aplicación de cámara inclúe unha opción que axuda ás usuarias a sacar a mellor foto en cada situación, grazas ao uso da Intelixencia Artificial, como xa temos visto en móbiles Nokia dun segmento superior.

O novo Nokia 2.3 tamén dispón dun botón adicado a Google Assistant, que con só pulsalo permítenos acceder a través da voz ás entradas do calendario, información de viaxes e todo o que nos pode xestionar o asistente de Google.

O trebello ponse á venda con Android 9, mais está preparado para recibir en breve a actualización a Android 10. Como vén sendo habitual nos móbiles da marca, garanten actualizacións mensuais de seguridade durante tres anos e de sistema operativo durante dous, o que asegura que o teléfono irá recibindo novidades.

Pense á venta en dúas cores, negro e verde carbón, por un prezo recomendado de 129 euros.

Sobre o autor

Reply