Recentemente Orange renovou a súa aplicación de cliente “Mi Orange”, engandindo novas funcionalidades, como o comparador de facturas entre meses, ou a integración do programa de fidelización. Agora, a compañía vai un paso máis aló e vén de abrir unha nova canle co asistente de Google.
Grazas a esta novidade, a través do asistente de Google (xa sexa nun teléfono ou en dispositivos tipo Google Home, as usuarias – clientas ou non – poden informarse das diferentes ofertas e promocións que ten a compañía.
Pero ademais, as persoas que sexan clientas desta operadora poderán ter vencellada a súa conta Mi Orange para poder informarse de canto leva consumido nunha determinada liña ou no global da factura, entre outros trámites.
Algúns exemplos
Podemos dirixirnos ao asistente dicindo cousas como “Ok Google, quero coñecer as tarifas d Orange”, ao que se nos responderá indicando diferentes opcións, como móbil, fibra + móbil ou televisión. E se queremos saber da oferta de televisión tamén podemos preguntarlle “Ok Google, quero saber sobre a tele de Orange”.

No caso de ser clientas da compañía, e tras autorizar o acceso de Assistant a primeira vez, podemos preguntarlle polo consumo “Ok Google, quero saber o meu consumo”, e teremos resposta dos gigas e minutos que levamos consumidos.
Con esta nova opción aumentan os xeitos de comunicarse coa operadora e acceder a información dunha maneira máis cómoda e áxil. A vós que vos parece?