LG e ZTE cancelan a súa presenza no MWC polo coronavirus

Onte á noite a firma coreana LG anunciou a cancelación da súa exposición e participación no Mobile World Congress 2020, previsto para finais deste mes en Barcelona.

Nun comunicado de prensa a compañía asegurou que esta decisión chega para “eliminar por completo o risco de expór aos empregados de LG ao virus en viaxes internacionais”, polo que empraza a outros actos para anunciar os seus novos móbiles para este 2020.

Por outra banda, a firma chinesa ZTE tamén anunciaba horas antes a un medio norteamericano a súa decisión de non acudir este ano ao MWC por varios motivos, entre eles “a percepción que se ten das persoas chinesas desde fóra”, polo que “non queren aumentar esa sensación nin sentir incómodas ás demais persoas”.

Se a estas dúas grandes firmas internacionais acaban por sumarse outras marcas importantes, a celebración desta edición do Mobile World Congress podería correr perigo, mais polo momento a organizadora do evento, a GSMA, mantén a cita, iso si, cunha serie de medidas e recomendacións.

Ademais dun incremento no programa de limpeza e desinfección, especialmente en WCs, zonas de cátering e pantallas táctiles, tamén se aumenta a asistencia médica no espazo e se pon a disposición das visitantes material de desinfección. Por outro lado, tamén urxen o consello de evitar os apretóns de mans como saúdo.

Haberá que estar atentas para ver como evoluciona a situación e se se toman medidas adicionais sobre este evento, o máis importante do ano para o sector da telefonía móbil e conectividade.

Sobre o autor

Reply