A dura competencia do sector da telefonía móbil, coa ampliación do número de marcas que se loitan por conquistar á clientela que quere aforrar na súa factura, leva a que todos os actores teñan que mover ficha, con actualizacións constantes do seu portfolio de prezos e servizos.
Unha das últimas en facelo é Amena, unha das marcas de baixo custe do conglomerado de nomes que ten Orange, que vén de actualizar as súas tarifas para engadir máis capacidade de navegación móbil e tamén a acumulación dos gigas non consumidos.
A opción máis básica, con 3 GB e chamadas a 0 cént/min (establecemento de 18,15 céntimos) por 6,95 €/mes é a única que permanece sen cambios, mentres que todas as tarifas superiores – xa sexan de opción “só móbil” ou combinación de fibra e móbil – verán incrementados os seus servizos.
Deste modo, ademais da opción básica que xa comentamos, Amena ofrece outras tres opcións, todas elas con chamadas ilimitadas e 1000 SMS que se poden enviar a un máximo de 100 móbiles diferentes, e unha cantidade de datos da que depende o seu prezo:
- 7 GB + ilimitadas por 14,95 €/mes
- 25 GB + ilimitadas por 19,95 €/mes
- 30 GB + ilimitadas por 24,95 €/mes
Aquelas persoas que consuman os seus datos verán reducida a velocidade a 64 Kbps.
Por outra banda, Amena tamén engade a acumulación de gigas, unha opción que disfrutan os clientes de moitas das operadoras de baixo custe, e que permite empregar os datos non empregados durante o mes seguinte, sendo estes os primeiros en ser consumidos.