LG anuncia a súa gama media para o ano 2020

Unha vez cancelado o Mobile World Congress, no que estaba previsto que LG dese a coñercer ao público xeral a renovación do seu portfolio de gama media para este ano, a compañía surcoreana vén de facer o anuncio dos tres modelos desta gama nos que vai centrar os seus esforzos. Son os LG K41S, LG K41S e LG K61S.

Especificacións do LG K41S

O primeiro destes terminais é o LG K41S, un trebello con pantalla de 6,5 polgadas con resolución HD+ e tecnoloxía IPS que integra no seu interior un procesador OctaCore a 2.0 GHz con 3 GB de RAM e 32 GB de almacenaxe interna ampliábeis por microSD.

No apartado de fotografía temos unha cuádruple cámara traseira, presidida por un sensor principal de 13 Mpx, que está acompañada dun gran angular de 5 Mpx, un sensor macro de 2 Mpx e outro de profundidade, tamén de 2 Mpx. A cámara frontal é de 8 Mpx.

Leva unha batería de 4000 mAh de capacidade, USB C, NFC, jack de auriculares e Android 9 Pie.

Especificacións do LG K51S

No caso do LG K51S, estamos ante un dispositivo de 6,5 polgadas con relación de aspecto 20:9 e resolución HD+, tamén tipo IPS. Dentro leva un procesador de oito núcleos, aínda que xa sube até os 2,3 GHz, e dispón de 3 GB de RAM con 64 GB de interna, ampliábeis tamén por microSD.

A cámara principal volve ser cuádruple, desta vez cun sensor principal de 32 Mpx, acompañado dun gran angular de 5 Mpx, un macro de 2 Mpx e un de profundidade de 3 Mpx. A frontal é unha cámara de 13 Mpx.

Unha batería de 4000 mAh, o USB C, NFC e jack de auriculares, así como a resistencia segundo os estándares MIL-STD-810G completan a folla de especificacións deste modelo.

Especificacións do LG K61S

Por último, o LG K61S é o modelo máis ambicioso dos tres. Leva pantalla IPS FHD+ de 6,5 polgadas, e dentro un procesador octa-core a 2,3 GHz, con 4 GB de RAM e opcións de 64 ou 128 GB, ampliábeis.

A cámara traseira volve ser cuádruple (principal de 48 Mpx, gran angular de 8 Mpx, macro de 2 Mpx e profundidade de 5 Mpx), mentres que a frontal fica nos 16 Mpx.

Dispón, ao igual que os outros dous modelos, dunha batería de 4000 mAh de capacidade, USB-C, jack de audio e NFC, ademais de Android 9 Pie como sistema operativo.

Dispoñibilidade e prezo

Todos eles chegan en tres corees, aínda que estas varían segundo o modelo. Así, o LG K61S poderémolo mercar en titanio, branco ou azul; o LG K51S en titanio, rosa e azul e, finalmente, o LG K41S en titanio, branco ou negro.

Poranse á venda a partir do segund o trimestre en Europa, Asia e América, polo que teremos que agardar a esas datas para saber o seu prezo definitivo.

Sobre o autor

Reply