Analizamos o Huawei Mate 30 Pro

As disputas entre os Estados Unidos e a China acabaron por pasar factura a Huawei, que no 2019 sufriu a rotura da relación con Google, véndose obrigada a prescindir dos servizos de Google.

Así, o seu móbil de referencia do ano pasado, o Huawei Mate 30 Pro chegou co veto aos servizos de Google (e moitas outras aplicacións), que sen dúbida afectan ao seu funcionamento. Mais o teléfono é máis que software, polo que imos ver un pouco máis polo miúdo como é este modelo.

Deseño e acabados

Comecemos falando do seu deseño. O que sen dúbida chama a atención deste terminal cando o sacamos da caixa é o seu deseño, cunha pantalla que cubre todo o frontal e os laterias do dispositivo. Na parte superior dispón dun notch bastante amplo, xa que nel se integra – ademais da cámara – o sensor de infravermellos para o recoñecemento facial tridimensional.

Por detrás, o trebello integra as catro cámaras, colocadas nun círculo que sobresae e que recorta en certa medida ao deseño dunha cámara fotográfica. Ademais, supón un sinal de identidade, xa que apenas hai dispositivos que teñan esta configuración tan marcada e única, o que sen dúbida tamén aporta identidade á marca.

Os laterais curvados e cubertos pola pantalla fixo que a bandexa para a nanoSIM e nanoSD fosen para a parte inferior do dispositivo, onde tamén nos atopamos co altofalante, o USB-C, o micrófono principal e o emisor de infravermellos. O segundo micrófono atopámolo na parte superior do dispositivo.

No lateral dereito temos o botón de acendido, único botón que atoparemos no trebello, xa que Huawei decidiu prescindir dos botóns de control de volume para substituílos por unha experiencia táctil nos laterias da pantalla.

Os acabados en cristal e metal danlle sen dúbida unha sensación de calidade superior, e certamente resulta un terminal bonito á vista. Ademais tamén é moi cómodo de soster cunha man, aínda que resulta bastante esvaraío, algo que debemos ter en conta ao apoialo sobre superficies, xa que calquera pequena inclinación fará que se desprace. Neste sentido, a recomendación é terlle unha funda que evite eses desprazamentos, previndo así accidentes innecesarios.

Hardware e rendemento

Huawei tennos acostumadas a que os seus dispositivos de gama alta sexa terminais potentes que moven sen problemas calquera tipo de aplicación, e este dispositivo non é unha excepción.

No caso concreto do Mate 30 Pro atopámonos cun procesador de fabricación propia, o Huawei Kirin 990, que chega acompañado de 8 GB de memoria RAM e unha memoria interna de 256GB.

Como adiantábamos, a experiencia no día a día é realmente boa, cunha sensación de fluídez á alturas dos mellores smartphones, e con capacidade sobrada para para mover calquera aplicación que se lle poña por diante. Tamén hai que destacar a aposta pola Intelixencia Artificial, algo moi ligado á fotografía, mais tamén á mellora da experiencia móbil cos seus usos.

Pantalla

Na pantalla Huawei segue na súa teima de non pasar de resolución FullHD, neste caso cun panel de 6,53 polgadas de 2400 x 1176 píxeles (409 píxeles por polgada) en formato 18,5:9.

Trátase dun panel Flex-OLED compatíbel con contidos en HDR10 e capaz de representar o espazo de cor DCI-P3, que por defecto vén configurada nun modo “Vívido”, con cores moi chamativas pero á vez moi afastadas da realidade, pero podemos modificalo se así o desexamos.

Destaca polo seu brillo, ofrecendo unha experiencia en exteriores como moi poucas, e cun control automático que funciona á prefección. Integra ademais, cun acceso directo adicado no panel de notificacións, o modo escuro, que cada vez reclaman máis as usuarias de smartphones.

O punto máis frouxo está nos laterais, onde a curvatura da pantalla ofrece cera perda de cor nalgunhas tonalidades, mais desde logo tampouco é algo que desmereza unha pantalla que funciona moi ben e destaca dentro do panorama da gama alta.

Cámara

Falemos da cámara. Este foi o punto débil de Huawei até hai uns anos, mais é algo que xa cambiou, e hoxe en día a marca chinesa pode presumir de estar entre os dispositivos que mellores fotografías sacan.

É certo que a competencia é dura, e que a fotografía ten un punto de subxectividade moi marcado, pero calquera usuaria dun Huawei de gama alta, ao igual que de outras marcas como Apple ou Samsung, van ter unha experiencia superior.

Huawei decidiu implementar unha cámara principal cuádruple, formada por un sensor de 40 Mpx con f/1.65, outro de 40 Mpx con f/1.8 (gran angular), outra de 8 Mpx OIS con f/2.4 (zoom x3) e unha última TOF 3D. Do outro lado, na parte frontal temos unha cámara de 32 Mpx con f/2.0.

Un dos aspectos nos que máis chama a atención é sen dúbida no zoom, combinación de zoom normal, híbrido de dixital, que sen dúbida é algo a pór en valor fronte á competencia. Deféndese tamén moi ben en entornos pouco iluminados, e dispón de gravación de vídeo en cámara lenta e utralenta.

Podedes ver algúns exemplos nesta ligazón.

Software

Hai que falar de softare. Nun mundo no que todo é ou Android/Google ou iOS/Apple, entrar cunha alternativa diferente é complicado, e conseguir enganchar ás usuarias aínda o é máis.

Prescindir dos servizos de Google fixo que Huawei tivese que implementar os seus propios, unha alternativa para servizos como o correo, os contactos ou a tenda de aplicacións, con App Gallery. Porén, non debemos enganarnos, App Gallery non é unha alternativa á Play Store, polo menos tal e como a entende o usuario maioritario de Android.

Se algo destaca de App Gallery é a ausencia de aplicacións, xa que máis aló das de Google (Gmail, Google Maps, YouTube….), tampouco nos atopamos con outras de uso masivo, como WhatsApp, Instagram, Spotify… e moitas outras. É verdade que moitas delas poden instalarse descargándose os ficheiros APK desde Internet, e instalándoas manualmente, pero iso é algo que a meirande parte das usuarias non van querer facer, por non dicir que se son aplicacións que dependen dos servizos de Google non van funcionar correctamente.

Polo tanto, o principal problema a nível software é a ausencia da Play Sotre tal e como a coñecemos, mais por todo o demais é un terminal baseado en Android 10 e coa capa de personalización EMUI 10.

Batería

Outro dos puntos fortes de Huawei é a batería, con terminais que ofrecen unha moi boa autonomía e tamén sistemas de carga moi rápida.

No terminal que centra esta review, o Mate 30 Pro, temos unha batería de 4.500 mAh de capacidade con sistema de carga rápida SuperCharge a 40 W, que nos permite chegar ao 70% en apenas media hora e ter o móbil completamente cargado en pouco máis dunha hora.

Dispón tamén de carga sen fíos, e neste senso Huawei vende por separado un cargador de 27W que está moi ben, pero funciona con calquera cargador Qi.

Conclusións

O Huawei Mate 30 Pro é un terminal de alta gama que se codea cos mellores móbiles do ano pasado, e con moitas papeletas para ter sido o dispositivo considerado “mellor”, dentro desa dificultade para declarar un modelo pro riba de outro en todos os aspectos.

No apartado hardware é un terminal sobresaínte en practicamente todos os aspectos, mais principalmente en batería, rendemento e cámara, mais o “pero” témolo no software, onde nos vemos limitadas para poder sacarlle todo o partido ao dispositivo. Polo tanto, recomendámolo para aquelas usuarias máis avanzadas, que non teñan medo a instalar aplicacións buscándose a vida máis alá das tendas de aplicacións.

Huawei ten unha liña clara de por onde debe ir en termos de hardware, polo que se non pode depender de Google debe centrar os seus esforzos en mellorar a experiencia de usuario coas aplicacións, algo no que esperamos avancen neste 2020.

O Huawei Mate 30 Pro pódese mercar por algo menos de 800 euros.

Sobre o autor

Reply