O fabricante xaponés Sony presentou o seu novo buque insignia, o Sony Xperia 1 II, un trebello que como o seu propio nome indica chega para substituír ao Xperia 1. Estaba previsto que este modelo fose anunciado no Mobile World Congress, cita na que anualmente Sony dá a coñecer o seu novo portfolio, mais a cancelación do mesmo fixo que se fixese nun evento alternativo.

O novo Xperia 1 II non achega grandes novidades de deseño, apostando de novo polas superficies lisas, co recorte lóxico nas esquinas, e uns marcos máis anchos do que vén a ser habital nas liñas de deseño actuais. No material combínase metal con cristal en ambos os lados, protexido por Corning Gorilla Glass 6.
A súa pantalla é un panel OLED HDR de 6,5 polgadas con resolución 4K e ratio 21:9, é dicir, máis alongada do habitual, pensando no cinema. Isto combinado ao seu marco fai que sexa máis longo do habitual, en concreto 166 mm.

No seu interior alberga un procesador Qualcomm Snapdragon 865, o máis potente da serie Qualcomm neste momento, con conectividade 5G. Está acompañado de 8 GB de memoria RAM e 256 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD de até 1 TB. Dispón dunha batería de 4000 mAh de capacidade, con carga rápida e tamén carga sen fíos.
No apartado fotográfico temos unha cámara traseira formado por catro sensores:
- Gran angular (15 mm) con sensor de 12 Mpx e apertura f/2.2, enfoque por detección de fase dual pixel e enfoque automático.
- Gran angular (24 mm) con sensor de 12 Mpx e apertura f/1.7, enfoque por detección de fase dual pixel, enfoque automático e estabilización óptica.
- Teleobxectivo 3x (70 mm) con sensor de 12 Mpx e apertura f/2.4, enfoque por detección de fase e estabilización óptica.
- ToF de profunidade 3D.
Do outro lado, a cámara frontal dispón dunha resolución de 8 Mpx con apertura f/2.0.
Outro apartado a ter en conta neste dispositivo é o son, onde temos altofalantes estéreo con soporte de Dolby Atmos e un novo hardware para decodificar son espacial 360 Reality Audio. Así mesmo, dispón de conector de auriculares de 3.5 mm.
Dispoñibilidade e prezo
O novo Sony Xperia 1 II estará dispoñíbel en dúas cores en Europa, negro e morado, estando dispoñíbel a finais da primavera. Polo de agora Sony non confirmou o seu prezo no noso país, pero para ter unha referencia sabemos que en Alemania xa foi confirmado que custará 1200 euros.