Unha das marcas de Telefónica para a prestación de servizos de Internet fixo e telefonía móbil, O2, vén de lanzar unha nova tarifa combinada de fixo e móbil, co fin de aumentar as opcións para as potenciais usuarias do servizo, adaptándose a diferentes necesidades.
Esta nova tarifa ofrece unha liña telefónica fixa con chamadas ilimitadas a fixos, conexión de 300 Mbps e unha liña móbil con 5 GB e chamadas ilimitadas. Todo por 38 €/mes, prezo final e sen permanencias.
Súmase á outra proposta da compañía, que por 50 €/mes achega unha conexión de 600 Mbps e unha liña móbil con 25 GB e chamadas ilimitadas, tras ter duplicado a velocidade de conexión recentemente.
A incorporación da nova tarifa de 300 Mbps cunha liña móbil con 5 GB elimina a opción que había até o de agora de contratar só fibra, aínda que polo mesmo prezo engade a liña móbil, polo que tampouco supón un agravio en comparación coa oferta anterior.
A competencia apreta
Con estas actualizacións de tarifas O2 pretende plantar cara a Lowi, Amena e Másmóvil, tres compañías que están a ofrecer alternativas moi agresivas en converxencia, que ademais contan co respaldo das grandes operadoras.
Así, con Lowi, a marca de baixo custe de Vodafone, pódese ter fibra de 100 Mbps cun móbil con chamadas ilimitadas e 3, 12 ou 25 GB por 38,95, 41,95 ou 44,95 €/mes, respectivamente. Iso si, non teremos fixo.
Pola súa banda, Amena, a alternativa de Orange, ofrece fibra de 100 Mbps con móbil con chamadas ilimitadas e 4, 12 ou 30 GB por 37,95, 40,95 ou 45,95 €.
Por último, Másmóvil, ofrece fibra de 100 Mbps cunha liña móbil principal con ilimitadas e 10 GB e outra secundaria con ilimitadas e 1 GB por 39,90 €/mes, ou por 44,90 € se preferimos que a principal teña 19 GB. Quen precise máis velocidade de fibra pode escoller as opcións de 600 Mbps por 49,90 €/mes, se a liña móbil principal ten 10 GB, ou 54,90 €/mes se queremos 19 GB.