Unha filtración deixa ver o deseño curvo do Motorola Edge Plus

Desde hai tempo tense coñecemento de que Lenovo está a traballar nun dispositivo de gama alta que comercializará baixo a marca Motorola, tras un 2019 no que non anunciaron ningún terminal nesta gama.

O novo trebello sería o Motorola Edge Plus, un modelo que vén de ser descuberto a través de varias imaxes que deixan ver como será o seu deseño.

O que máis chama a atención destas imaxes é a curvatura da súa pantalla, que se pode apreciar a ambos lados do dispositivo, de maneira que os marxes laterais pasan practicamente desapercibidos. Ademais, temos que fixarnos na cámara frontal, que se ben se trata dunha cámara nunha pantalla furada, o oco desta é minúsculo, en comparación coa meirande parte dos dispositivos que apostan por esta solución.

Na parte traseira do dispositivo podemos ver a triple cámara traseira, e na superior o porto de auriculares de 3.5 mm. Así mesmo, tamén se apreza o USB-C na parte inferior, algo que resultaba bastante evidente nun modelo esta gama.

Atendendo ás filtracións previas, o novo modelo de Motorola terá unha batería de máis de 5.000 mAh de capacidade, O seu procesador será o Qualcomm Snapdragon 865 e a súa pantalla un panel de 6,67 polgadas con resolución Full HD+ e taxa de refresco de 90 Hz.

Polo de agora descñécese tanto a data de presentación como o prezo que acadaría este trebello no mercado, polo que cómpre agardar un pouco máis a que teñamos os datos oficiais, tamén con toda a folla de características para poder confirmar todas as súas especificacións.

Sobre o autor

Reply