Logo do anuncio de Vodafone e Orange de tomar medidas de continxencia para garantir as comunicacións e o teletraballo, así como para ofrecer alternativas para a súa clientela, outras operadoras tamén se suman a ofrecer este tipo de ofertas.
As últimas en facelo son as do grupo Euskaltel, entre as que temos a R, e as do grupo MásMóvil, onde se engloban marcas como a propia MásMóvil, Yoigo ou Pepephone.
O caso de R
A operadora R decidiu abrir as súas canles infantís de televisión para o disfrute das pequenas da casa, así como tamén as canles especializadas en cinema, pensando en toda a familia.
R tamén puxo en marcha medidas para aumentar a capacidade de datos móbiles de clientes con casuísticas especiais, que se activarán de forma gratuíta e sen que sexa preciso solicitalo.
Ademais, a operadora galega adoptou medidas de continxencia para atender posíbel afeccións que o COVID-19 poida xerar nas comunicacións entre persoas, institucións e empresas durante a crise sanitaria, poñendo o foco no teletraballo e o aseguramento da continuidade das telecomunicacións.
Medidas no grupo MásMóvil.
Pola súa banda, o grupo MásMóvil tamén puxo en marcha os plans de continxencia para garantir as comunicacións, e pon en valor a combinación de infraestrutura propia e allea para garantir o servizo á súa clientela.
O grupo tamén puxo en marcha ferramentas como un plan piloto de traballo en remoto nos seus centros de Madrid, e outras medidas de prevención e información nas súas oficinas.
No que afecta á clientela do grupo, a oferta é variada. Así, Pepephone aumenta de forma gratuíta en 5 GB todas as liñas móbiles, mentres que as usuarias de MásMóvil e Yoigo terán 3 meses de Skt TV e 3 meses de FlixOlé. Pola súa banda, Lebara engadiu 12 países nas súas tarifas con chamadas internacionais, e Llamaya incluíu as chamadas gratúitas entre os seus clientes de prepago.