Analizamos os Huawei Freebuds 3

Cada vez son máis os fabricantes que apostan por ofrecer unha ampla gama de accesorios, onde se inclúen artigos como pulseiras e reloxos intelixentes ou auriculares. Se falamos destes últimos, a tendencia agora é a termos auriculares sen fíos, que se conectan por Bluetooth aos nosos trebellos.

Isto ten varias vantaxes, xa que ademais de ser máis cómodos á hora de non ter que andar desenredando cabos, tamén facilitan a conexión nun momento no que temos auriculares con jack de 3.5 mm e outros con USB-C , o que fai que, en ocasións, non poidamos usar os que queremos co trebello que temos.

Os Huawei Freebuds 3 son un dos moldelos dispoñíbeis nesta gama de auriculares sen fíos. Trátase dun modelo deseñado polo xigante chinés, que destacan pola súa universalidade e por sumar nesas “tres B’s” que buscan moitas usuarias.

Especificacións técnicas

Os Freebuds 3 son uns dispositivos extremadamente lixeiros (4,5 gramos cada un), que veñen equipados co procesador Kirin A1, un modelo de Huawei deseñado especialmente para wearables. Dispoñen de control por xestos e unha batería de 30 mAh, que vén a ofrecer unhas 4 horas de autonomía en uso.

Para a conexión levan Bluetooth 5.1, e como punto chave dispoñen de cancelación de ruído, sendo esta unha característica que marca a diferenza con outra sopcións económicas que podemos atopar no mercado.

Se falamos da caixa – base de carga, esta dispón de USB-C para a súa conexión e carga, aínda que tamén admite carga sen fíos Qi de 2W. Leva unha batería de 410 mAh, o que nos permite cargar os auriculares para varios usos estando de viaxe ou fóra da casa.

Deseño e acabados.

Hai dous camiños principais á hora de deseñar auriculares sen fíos. Por unha banda están os deseños “de punto” ou botón, e pola outra os que teñen un pequeno pauíño alongado. Este último foi o escollido por Huawei para os seus Freebuds 3.

O material empregado para a súa fabricación é o plástico, o que contribúe a esa sensación de lixeireza, ao tempo que ofrece resistencia ante as caídas. Unha vez colocados, o pequeno bastón queda cara abaixo, orientado cara a boca, lembrando en certa maneira os auriculares mans libres que levan tempo no mercado.

A caixa ten unha forma circular cos bordes redondeados, moi agradábel de agarrar e cómoda para gardar en calquera sitio. Son magnéticos, de maneira que cando gardamos algún dos auriculares, estes son atraídos para que queden seguros dentro.

O seu uso

Para o seu primeiro uso debemos sincronizar os auriculares co trebello ao que o queiramos vincular. Para facelo, debemos activar o modo de sincronización, premendo un botón que hai na caixa. Este botón é pequeno e está moi ben disimulado, polo que pode custar un pouco atopalo, mais tampouco é un problema, xa que se fai unha única vez por cada dispositivo que se poida sincronizar.

Aínda que se poden usar con calquera dispositivo, e de feito funcionan perfectamente con independencia da marca, nos modelos Huawei ao abrir a caixa xa se detectan automaticamente, facilitando a súa sincronización.

En calquera caso, as usuarias de Android e iOS teñen á súa disposición a aplicación gratuíta Huawei AI, que facilita o emparellamento e permite controlar algúns axustes adicionais, aínda que non é necesaria.

Á hora de controlar a reprodución, mediante controis táctiles, pódese xestionar tanto a reprodución, pausa e salto de pista, como os controis de volume. Tamén se pode bloquear para que non fagan nada.

Autonomía

En canto á súa autonomía, cunha única carga chega ás preto de catro horas de carga, aínda que grazas á batería que leva a caixa podemos ter até preto de 20 horas sen pasar polo enchufe.

Os estuches pódense cargar nunha base Qi sen fíos, aínda que é máis rápido facelo por USB-C, acadando o 50% en apenas 20 minutos.

Conclusións

Os Huawei Freebuds 3 resultan uns dispositivos que cumpren coas premisas para ser un modelo que destaque entre as posíbeis usuarias deste tipo de trebellos. Contan cun prezo axustado, un deseño elegante e unha calidade máis que aceptábel, tanto polo son como por contar coa cancelación de ruído.

Están dispoñíbeis en por 129 euros en tres cores: branco, negro e vermello.

Sobre o autor

Reply