Acer anuncia o Chromebook Spin 713, un convertíbel premium con pantalla 2K

Acer vén de ampliara a súa oferta de Chromebooks para usuarias e empresas con novos dispositivos, o Chromebook Spin 713 e o Chromebook Enterprise Spin 713, que incorporan os procesadores de décima xeración de Inte para ofrecer a mellor experiencia en conectividade, produtividade e rendemento. Ademais, tamén anunciou o Chromebook Spin 311, un portátil convertíbel destinado a estudantes.

Acer Chromebook Spin 713

Como parte do programa de innovación Athena de Intel, o Spin 713 inclúe o Intel Core i7 vPro, que destaca polo rendemento e a o baixo consumo enerxético, repercutindo nunha gran autonomía. Dispón de diferentes opcións de memorias, sendo a máis potente a combinación de 16 GB de SDRAM DDR4 e 256 GB de almacenaxe SSD PCIe NVMe.

No que ten a ver coa pantalla, o Spin 713 integra un panel VertiView con resolución 2K de 13,5 polgadas e relación de aspecto 3:2. É un panel táctil que ademais está protexido mediante Corning Gorilla Glass.

A autonomía vén dada por unha batería que dispón de carga rápida, achegando até 10 horas de uso, e no aspecto multimedia destaca a presenza de altofalantes estéreo duais e un sistema multimicrófono que permite unha comunicación máis clara, algo que sen dúbida gana importancia nestes tempos nos que medrou o interese polas videoconferencias.

En canto á conectividade, o Spin 713 dispón de dous portos USB 3.1 Tipo C, ambos con soporte USB 3.2 Gen 1 (até 5 Gbps), USB-C a DisplayPort e carga por USB. Ademais, tamén leva un porto HDMI, un USB 3.0 e un lector de tarxetas microSD. Na conectividade sen fíos, destaca a WiFi de dobre banda 6 AX201 con tecnoloxía 2×2 MU-MIMO e o Bluetooth 5.0.

Acer Chromebook Spin 311

Pola súa banda, o Spin 311 dispón dun panel de 11,6 polgadas, e leva un procesador máis sixnelo, o MediaTek MT8183, que proporciona o rendemento necesario para executar aplicacións de documentos e navegación web.

Destaca a súa autonomía, de até 15 horas, e o seu peso, con tan só 1 kg, o que fai que sexa un modelo axeitado para usar en mobilidade. Polo demais, conta cun panel táctil IPS HD con Corning Gorilla Glass de 11 polgadas, WiFi 802.11ac 2×2 MU-MIMO e Bluetooth 4.2.

Dispoñibilidade e prezos

O Acer Chromebook Enterprise Spin 713 chegará en agosto por 899 euros, mentres que a versión estándar do Spin 713 custará 699 euros e xa está dispoñíbel. Pola súa banda, o Spin 311 ten un prezo máis axustado, 299 euros.

Sobre o autor

Reply