A aposta polas redes 5G que están a facer operadores como Vodafone no noso país, está a facer que cada vez sexan máis as usuarias que buscan esta característica nos seus novos dispositivos. Isto obriga, ao tempo, a que os fabricantes se esmeren en ofrecela en modelos de gama media, pois ao fin e ao cabo son os trebellos máis vendidos en número total de unidades.
Un destes modelos é o Moto G 5G Plus, o novo modelo de gama media de Lenovo / Motorola, que destaca – ademais de polo 5G – pola súa gran pantalla e batería.

O Moto G 5G Plus integra un panel LTPS de gran formato de 6,7 polgadas, con resolución Full HD+ (250 x 1080 píxeles) e unha taxa de refresco de 90 Hz. No seu interior aposta por un dos procesadores máis populares nesta gama media, o Qualcomm Snapdragon 765G, que destaca polo seu bo rendemento.
As usuarias poderán elixir á hora de mercalo por facerse cun modelo de 4 GB de RAM e 64 GB de memoria interna ou ben pola opción superior, que inclúe 6 GB de RAM e 128 GB para memoria interna. En ambos casos, esta capacidade pode aumentarse mediante tarxetas microSD.
No apartado fotográfico, na parte traseira temos unha cámara formada por catro sensores. O principal é un modelo de 48 Mpx, e está acompañado por un gran angular de 8 Mpx, un sensor macro de 5 Mpx e un último sensor para profundidade de 2 Mpx. Do outro lado, na parte dianteira temos unha cámara dobre, formada por un sensor de 16 Mpx e un gran angular de 8 Mpx.

A autonomía vén dada por unha batería de grandes dimensións, concretamente 5000 mAh de capacidade, e dispón de soporte para carga rápida de 20 W. Tamén leva lector de pegadas dixitais (no lateral) e NFC para poder realizar pagos móbiles.
Dispoñibilidade e prezo
O novo Motorola Moto G 5G Plus xa está dispoñíbel no noso país, a través dos distribuidores habituais. O modelo de 4 + 64 GB véndese por 349 euros, mentres que a versión con 6 + 128 GB custa 399 euros.