O fabricante Oppo vén de sufrir a filtración dun dos modelos de smartphone que prepara, o Oppo A72 5G. Trátase dun dispositivo de gama media, que como o seu propio nome indica, destaca por ofrecer conectividade 5G, unha característica que cada vez demandan máis usuarias á vista da dispoñibilidade das primeiras redes deste tipo.
O Oppo A72 5G é un modelo que integra unha pantalla IPS LCD de 6,5 polgadas con ratio 20:9 e resolución FullHD+ (2400 x 1080 píxeles). No seu interior alberga un procesador fabricado por MediaTek, o modelo MT6853V, do que non temos moita información porque se trata dun novo exemplar de MediaTek.
A filtración apunta a tres modelo diferentes, de acordo coa capacidade da súa memoria RAM. Así, as usuarias poderían elixir entre as opcións de 4, 6 ou 8 GB de RAM, todas elas con 128 GB de memoria interna. Por suposto, como xa avanzamos, dispón de conectividade 5G. Ademais, leva 4040 mAh de capacidade con carga rápida de 18 W.
No apartado fotográfico temos unha cámara traseira triple, formada por un sensor principal de 16 megapíxeles, un sensor super gran angular de 8 megapíxeles e unha cámara de 2 megapíxeles para profundidade. Na parte frontal, a cámara sería de 8 megapíxeles, e estaría integrada na pantalla mediante un pequeno burato.
Por último, cómpre falar do seu prezo. A filtración tamén deu a coñecer o prezo dos modelos, que ao cambio oscilan entre os 215 euros para o modelo máis básico, de 4 GB de RAM, e os 250 para o modelo de 8 GB de RAM, se ben é certo que estes prezos poden mudar para o mercado internacional.