O próximo 5 de agosto Samsung ten programado un evento no que dará a coñecer varios dispositivos. Por unha banda, teremos novos dispositivos conectados, como smartwatches e auriculares, e por outra terminais móbiles, entre os que destaca a nova serie Galaxy Note20 e tamén o novo dispositivo pregábel, o Galaxy Z Fold2.
Precisamente este último vén de ser confirmado nunha filtración que deixa ver, aínda que cunha imaxe de baixa calidade, como é o seu deseño en cor cobre, unha cor que tamén será bastante protagonista no evento previsto para comezos de agosto.
A principal diferenza do Fold2 co modelo orixinal que vimos o ano pasado está na pantalla externa, que medra considerabelmente desde as 4,3 até as 6,2 polgadas, de maneira que será moito máis atractiva para as usuarias que lle sacan moito partido ao móbil. Na parte interior terá unha pantalla máis grande – hai informacións contraditorias sobre o seu tamaño – que fará que sexa moito máis semellante a unha tablet.
No apartado fotográfico, unifícanse os módulos de cámara entre o Note o Fold, incluíndo un sistema de triple cámara formado por un sensor principal de 12 megapíxeles, acompañado de un gran angular de 12 megapíxeles e un teleobxectivo de 64 megapíxeles que soprota un zoom híbrido 3x.
Haberá que agardar até o evento para coñecer todas as súas características, mais cando menos estas primeiras informacións sérvennos para ir abrindo boca.