Presentado oficialmente o OnePlus Nord

Logo dunha campaña de promoción previa, OnePlus anunciou onte o OnePlus Nord, o primeiro smartphone da súa nova familia de produto, modelos máis asequíbeis para poder levar a experiencia da marca a un maior número de usuarias.

O novo trebello incorpora o procesador Qualcomm Snapdragon 765 G 5G, un dos máis socorridos na gama media premium, que ademais tamén ofrece conectividade 5G, algo que polo de agora só pode disfrutar a clientela de Vodafone no noso país.

No apartado fotográfico, o trebello incorpora como cámara principal o sensor IMX586 de 48 megapíxeles de Sony, cunha apertura de f/1.75 para permitir a entrada de luz e sacar mellores imaxes nocturnas. Este sensor está acompañado dunha segunda lente gran angular de 8 megapíxeles, unha lente macro e un sensor de profundidade. Na parte dianteira, integra un sensor dobre, formado por unha lente princiapl de 32 megapíxeles con gravación en 4K, e un segundo lente de 8 megapíxeles que funciona como gran angular, ampliando o campo de visión a 105 graos.

A pantalla, de 6,44 polgadas, dispón de taxa de refresco de 90 Hz, e conta con 2048 níveis de brillo automático para unhas transicións máis suaves. En canto ao rendemento, ofrécense opcións con até 12 GB de memoria RAM.

No que ten que ver coa autonomía, leva unha batería de 4115 mAh de capacidade, con carga rápida Warp Charge 30T, que consegue cargar o 70% da súa capacidade en media hora.

OnePlus Buds

Xunto co novo smartphone, OnePlus anunciou tamén os OnePlus Buds, un novos auriculares sen fíos, que destacan pola simplicidade estética.

Incorporan tres micrófonos para captar con facilidade as frecuencias vocais e permitir realizar gravacións de voz e chamadas de maneira clara e nítida. Así mesmo, tamén levan Bass Boost e Dolby Atmos para xerar un son máis limpo, baixos máis profundos e un son estéreo de calidade.

Dispoñen tamén de tecnoloxía Warp Charge, que cunha carga de 10 minutos no seu estuche permite disfrutar de 10 horas de son. Ademais, o estuche permite 30 horas de reprodución de audio.

Dispoñibilidade e prezo

Os OnePlus Buds chegarán en 3 cores (branco, gris e azul) por 89 euros, aínda que xa se poden reservar.

Pola súa banda, o OnePlus Nord chega en dúas cores, Blue Marble e Gray Onix, e se poderá mercar desde o 4 de agosto. O modelo con 8 GB de RAM e 128 GB de memoria interna custará 399 euros, mentres que o que leva 12 GB de RAM e 256 GB de interna chega por 499 euros.

Sobre o autor

Reply