TCL anuncia o lanzamento do TCL 10 Pro no noso país

O fabricante chinés TCL vén de anunciar o lanzamento do TCL 10 Pro no noso país, un dispositivo que vén equipado coa primeira pantalla curva AMOLED da marca, e co que a compañía gañou os premios iF Design Award e o Red Dot 2020.

Como dicimos, a pantalla é un dos elementos a destacar deste modelo. Trátase dun panel curvo AMOLED de 6,47 polgadas FHD+ con tecnoloxía NXTVISION, coa que se tenta ofrecer unha experiencia de visualización máis fluída e envolvente. Ademais, é compatíbel con HDR10, tendo a certificación de Netflix como unha boa pantalla para o consumo de vídeo.

No apartado fotográfico, o TCL 10 Pro conta con catro cámaras, a principal de 64 megapíxeles, dotadas de intelixencia artificial para adaptarse ás diferentes situacións que poida ter diante. Ademais dese sensor principal, o terminal leva unha cámara de vídeo para baixa luminosidade con grandes píxeles de 2,9 um, unha lente súper gran angular de 123 graos e un sensor macro. Do outro lado, na parte dianteira temos unha cámara frontal de 24 megapíxeles.

Dispón de lector de pegadas dixitais, situado baixo a pantalla, e no interior leva un procesador Qualcomm Snapdragon, xunto con 6 GB de RAM e 128 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD. A súa batería é de 4.500 mAh, con posibilidade de empregar para carga inversa, e na conectividade destaca o “Super Bluetooth”, que permite emparellar até catro auriculares sen fíos a un tempo para compartir música con outras persoas.

Dispoñibilidade e prezo

O novo TCL 10 Pro xa está dispoñíbel para mercar no noso país, podéndonos facer con el por 449 euros. Poderémolo mercar en Ember Gray ou Forest Mist Green, as dúas cores nas que está dispoñíbel.

Sobre o autor

Reply