Motorola está traballando a segunda edición do seu smartphone pregábel, o Motorola RAZR, e este vén de ser filtrado nas primeiras imaxes que nos permiten ver como será o seu deseño.
A diferenza das versións pregábeis tipo libro de fabricantes como Samsung ou Huawei, Motorola apostou polo formato “cuncha“. Porén, á vista destas imaxes, semella que non vai haber moito cambio estético entre esta e a versión anterior, mais aló de que se pulen algúns detalles, como o borde inferior, agora máis reducido.

Polo de agora é cedo para falarmos de especificacións concretas, mais aló dalgunhas cousas que foron sonando, como que integrará o procesador Qualcomm Snapdragon 765, acompañado de 8 GB de RAM e 256 GB de almacenaxe interna. Este procesador está a ser un dos máis elixidos entre os modelos de gama media – alta, xa que achega conectividade 5G, característica que cada vez máis demandan as usuarias.
No apartado de cámaras, teríamos unha cámara principal de 48 megapíxeles fabricado pro Samsung e unha cámara frontal de 20 megapíxeles. Tamén saíron datos da súa batería, que se situaría nos 2.845 mAh.