Novos Amazfit Zepp E, con opción de pantalla circular ou rectangular

A marca de smartwatches de Xiaomi, Amazfit, vén de anunciar un novo modelo de smartwatch, o Amazfit Zepp E, un trebello que chega con dous deseños, un con pantalla circular e outro rectangular, para adaptarse aos diferentes gustos das consumidoras. Aínda así, por dentro manteñen as mesmas características técnicas.

Como avanzamos, a diferenza entre os dous Amazfit Zepp E é o deseño da súa pantalla, que no caso do modelo circular leva un panel AMOLED de 1,28 polgadas (416 x 416 píxeles), e se optamos polo rectangular un panel, tamén AMOLED, de 1,65 polgadas (348 x 443 píxeles).

Ambos os dous incorporan diversos sensores, como o monitor de frecuencia cardíaca, luz ambiental, medidor de osíxeno en sangre e acelerómetro de tres eixos, así como conectividade Bluetooth 5.0. A súa batería sitúase nos 188 mAh de capacidade (7 días de autonomía segundo a marca) e dispoñen de resistencia a auga de 5 ATM.

Polo seu deseño, este novo modelo de Amazfit está orientado quizais a un público máis xenérico, e non tanto ao que busca un dispositivo destinado a facer deporte, aínda que tamén realiza todas as funcións habituais de control deportivo.

Preséntase en tres cores a escoller (azul, gris e negro), e tamén se ofrecen diversas cores e materiais para as pulseiras, para que cadaquén poida facer a combinación que máis se adapte aos seus gustos.

Dispoñibilidade e prezo

Os novos reloxos Amazfit Zepp E puxéronse á venda onte nos Estados Unidos, e a partir do 1 de setembro estará dispoñíbel tamén no Reino Unido. Polo de agora non hai información sobre a súa comercialización noutros países, aínda que é de prever que chegue ao noso país nas próximas semanas.

En canto a prezos, comercialízase por uns 220 euros ao cambio, vendéndose as correas por separado para a súa personalización.

Sobre o autor

Reply