LG Wing, un móbil (ou prototipo) con pantalla xiratoria

Cando pensamos que está todo inventado, aparécenos unha cousa nova. E desta vez, unha cousa ben curiosa. Logo de que durante o 2019 e durante este 2020 vísemos varios terminais pregábeis de diferentes maneiras, agora aparece un suposto modelo de LG con pantalla dual, a secundaria xiratoria e integrada no propio móbil. Trataríase do LG Wing.

Este suposto modelo, do que xa se veu falando nos últimos meses a través de filtracións, vén de ser amosado en vídeo, no que se vería un caso de uso, como pode ser nun vehículo como extensión da pantalla de navegación.

Segundo os datos difundidos até o de agora, este trebello tería unha pantalla principal de 6,8 polgadas, e unha secundaria de 4. Por dentro, atoparíamonos cun procesador Qualcomm Snapdragon 765 ou 765G.

En calqueras caso, semella cedo para dar por confirmadas estas informacións, tanto da existencia do propio terminal, como das súas prestacións, xa que en numerosas ocasións son prototipos que nunca chegan a ser unha realidade comercial.

Sobre o autor

Reply