O fabricante chinés TCL anunciou onte o lanzamento de dous novos terminais de gama media no noso país, o TCL 10 Plus e o TCL 10 SE, que se suman a outros modelos da marca da serie 10 que coñecemos hai unhas poucas semanas.
Como apunta o seu nome, o TCL 10 Plus é un terminal máis ambicioso. Vén equipado cunha pantalla AMOLED de 6,47 polgadas con resolución Full HD+ (2340 x 1080 píxeles) e certificación HDR10, e no seu interior alberga un procesador Qualcomm Snapdragon 665, xunto con 6 GB de RAM e opcións de 64 ou 256 GB de memoria interna ampliábeis por microSD.

No aspecto fotográfico temos unha cámara de autoretratos de 16 Mpx con f/2.2 e unha cámara traseira cuádruple, formada por un sensor principal de 48 Mpx acompañado dun gran angular de 8 Mpx, un sensor macro de 2 Mpx e unha lente de profundidade de 2 Mpx.

Dispón de Bluetooth 5.0, NFC, USB-C e sensor de de pegadas dixitais baixo a pantalla. A súa batería é de 4.500 mAh de capacidade, con carga rápida, e no apartado software leva Android 10 coa interface propia TCL UI 3.5.
Pola súa banda, o TCL 10 SE é un modelo un tanto máis modesto. Para a pantalla o fabricante optou por un panel LCD de 6,53 polgadas con resolución HD+ (1600 x 720 píxeles), mentres que no interior temos un procesador MediaTek Helio P22, xunto con 4 GB de RAM e 128 GB de memoria interna ampliábeis.

O apartado fotográfico é o mesmo que o do modelo Plus, agás porque se elimina o sensor macro da cámara traseira. Dispón así mesmo de Bluetooth 5.0, NFC e USB-C, así como de sensor de pegadas dixitais, malia que está situado na parte traseira e non baixo a pantalla.

A batería sitúase nos 4.000 mAh de capacidade, con carga rápida, e na parte software temos igualmente Android 10 con TCL UI 3.5
Dispoñibilidade e prezo
O TCL 10 Plus xa está dispoñíbel para poder mercarse en dúas cores, Moonlight Blue e Starlight Silver. No noso país comercialízanse dúas versións, a de 6 + 64 GB por 299,99 € e a de 6 + 256 GB por 349,99 €.
Pola súa banda, o TCL 10 SE ponse á venda na versión de 4 + 64 GB por 189,99 €, e se pode mercar en Icy Silver ou Polar Night.