Xiaomi anuncia o POCO X3 NFC, a revolución da gama media

Xiaomi anunciou onte un novo dispostiivo da súa marca secundaria “POCO”, o POCO X3 NFC, un dispositivo que cun prezo moi axustado achega características moi interesantes, o que nos lembra a revolución que supuxo no seu día o lanzamento do Moto G.

O novo dispositivo incorpora un procesador Qualcomm Snapdragon 732G, que ofrece gran rendemento para as persoas entusiastas dos videoxogos, grazas á súa arquitectura baseada na CPU de oito núcleos Kyro 470 e á GPU da serie Elite Gaming Adreno 618. Ademais, vén coa última versión de Game Turbo 3.0, unha utilidade que sintoniza o teléfono de acordo cos requirimentos do xogo, e cun motor liñal do eixo Z que garante unha moi boa resposta háptica, con máis de 150 modos de vibración para os diferentes escenarios.

A pantalla é un panel FHD+ DotDisplay sen apenas marcos e con 6,67 polgadas, ademais dunha taxa de refresco de 120 Hz e unha frecuencia de mostreo táctil de 240 Hz. A incorporación da función DynamicSwitch permite que o teléfono aforre batería ao cambiar automaticamente entre 50, 60, 90 ou 120 Hz segundo o uso e o formato do contido que se amosa na pantalla nun determinado momento.

No apartado fotográfico temos unha cámara traseira cuádruple con IA, formada por un sensor principal de 64 Mpx, un ultra gran angular de 13 Mpx, un lente macro de 2 Mpx e un sensor de profundidade de 2 Mpx. Do outro lado, na cámara frontal temos unha cámara dianteira de 20 Mpx con f/2.2 e Súper Píxel.

A batería sitúase nos 5160 mAh de capacidade, con carga rápida de 33 W grazas ao cal a marca asegura unha carga completa en 65 minutos e pasar de 0 ao 62% en apenas media hora.

Con todas estas características, o dispositivo chega pisando forte no sector da gama media, con poucas opcións coas que competir cunhas características semellantes.

Dispoñibilidade e prezo

O novo POCO X3 NFC estará á venda oficialmente o próximo 21 de setembro en dúas variantes, 6 + 64 GB por 229 euros ou 6 + 128 GB por 269 euros.

Porén, a prevenda do modelo de 64 GB comezará este mesmo xoves 10 de setembro a través de mi.com e Amazon. Durante ese primeiro día de prevenda poderase adquirir por 199 euros.

Pola súa banda, o modelo de 6 + 128 GB poderase reservar en mi.com, Mi Stores e Amazon desde o próximo 20 de setembro, tamén cunha promoción de lanzamento: durante ese día estará dispoñíbel por 249 euros.

Sobre o autor

Reply