A marca vietnamita Vsmart, nada tras a venda da división de móbiles da española BQ ao holding Vingroup, vén de anunciar o lanzamento de novos dispositivos, os Vsmart Aris e Vsmart Aris Pro.
Ambos os dous trebellos contan cunhas especificacións moi semellantes, se ben é certo que deles destaca o modelo “Pro” ao integrar a cámara frontal baixo a pantalla, unha característica que polo de agora só tiñamos visto no ZTE Axon 20 5G.

A continuación resumimos as súas especificacións máis importantes:
Vsmart Aris | Vsmart Aris Pro | |
Pantalla | 6,39 polgadas, AMOLED, con resolución 2400 x 1080 píxeles | 6,39 polgadas, AMOLED, con resolución 2400 x 1080 píxeles |
Procesador | Qualcomm Snapdragon 730 | Qualcomm Snapdragon 730 |
Memoria RAM | 6 GB | 8 GB |
Almacenaxe interna | 64 GB | 128 GB |
Cámara principal | Cuádruple (principal de 64 Mpx, gran angular de 8 Mpx, zoom óptico 8 Mpx e macro 2 Mpx) | Cuádruple (principal de 64 Mpx, gran angular de 8 Mpx, zoom óptico 8 Mpx e macro 2 Mpx) |
Cámara dianteira | 20 Mpx, con forma de gota. | 20 Mpx, integrada baixo a pantalla |
Batería | 5000 mAh con carga rápida de 18 W | 5000 mAh con carga rápida de 18 W |
Sistema | Android 10 | Android 10 |
Outros | 4G/LTE, Bluetooth 5, WiFi de dobre banda | 4G/LTE, Bluetooth 5, WiFi de dobre banda |
Como pode verse na táboa anterior, o único que diferenza a ambos modelos é a combinación de memorias (6 + 64 GB no caso do Aris, e 8 + 128 GB no caso do Aris Pro) e a integración da cámara baixo a pantalla no modelo Pro.

Polo demais, trátase de trebellos moi compensados, ao integrar un dos procesadores de Qualcomm náis interesantes dentro da gama media, e paneis AMOLED.
Versión 5G
Existe unha versión 5G deste dispositivo, o Vmart Aris 5G, cuxa diferenza témola na presenza dun procesador Qualcomm Snapdragon 765, compatíbel con este tipo de redes.

Trátase do primeiro teléfono destas características que chega a Vietnam.
Dispoñibilidade e prezo
Ambos dispositivos están dispoñíbeis en Vietnam por uns prezos ao cambio de 275 euros, no caso do Vsmart Aris, e 375 €, no caso do Vsmart Aris Pro.

Polo de agora descoñécese se a marca ten previsto traer estes modelos ao noso país, onde non chegaron toda unha recua de modelos á venda en Vietnam (Bee, Star, Joy 2+, Live, Bee 3, Star 3, Joy 3, Active 3, Star 4, Live 4) que non vimos por estes lares.