Samsung vén de facer oficial a súa nova tablet robustecida, a Samsung Galaxy Tab Active 3, un modelo de oito polgadas deseñado para entornos industriais ou uso ao aire libre, no que tamén se aposta polo rendemento cun procesador que xa vimos no Galaxy S9, o Exynos 9810.
Como xa avanzamos, a nova tablet de Samsung incorpora unha pantalla TFT LCD de 8 polgadas, que leva resolución WUXGA+ a 1920 x 1200 píxeles. No seu interior alberga un procesador Exynos 9810 (oito núcleos a 2 GHz + 1,7 GHz), xunto con 4 GB de memoria RAM e opcións de 64 ou 128 GB de memoria interna, en ambos casos ampliábeis por microSD de até 1 TB de capacidade.
Dispón dunha cámara frontal de 5 megapíxeles, e na parte traseira leva un sensor de 13 megapíxeles, acompañado do correspondente flash LED. A súa batería fíxase nos 5050 mAh de capacidade e é extraíbel.
A conectividade vén dada por WiFi 5, Bluetooth, sistema de posicionamento múltiple (GPS, Glonass, Beidou, Galileo), ademais de USB tipo C 3.1 e NFC. Tamén existe unha versión 4G, opcional. En canto ao software, está equipada con Android 10 e a interface propia One UI.
Por último, e non menos importante, temos que falar de protección. A tablet cumpre cos estándares de resistencia militar MIL-STD-810H, así como resistencia a auga e pó segundo IP68. O S-Pen que inclúe tamén leva resistencia IP68, e completando o conxunto inclúese unha funda protectora.
Como curiosidade, a tablet admite o funcionamento sen batería, para usos nos que vai estar sempre conectada á corrente eléctrica. Deste modo evítase que se acabe estropeando por non ser o uso acaído.
En canto a prezo e dispoñibilidade, a compañía non fixo público aínda nin cando chegará ao mercado nin tampouco a que prezo, mais será cuestión de poucas semanas que esta información se faga pública.