Nest WiFi: análise do sistema WiFi mesh de Google

Ben sexa porque temos unha casa grande ou distribuída en varios pisos, ou ben porque vivamos nun edificio no que conviven demasiadas redes WiFi, o certo é que cada vez son máis as usuarias que procurar fórmulas para mellorar a cobertura, extender o seu alcance e garantir a velocidade.

Os modelos de router que adoitan ofrecer as operadoras non son as mellores ferramentas para disfrutar dunhas redes WiFi de calidade, algo que se nota especialmente cando falamos de conexións de fibra, onde a velocidade de conexión pode ser varias ducias de megas inferior que a real que se ten se conectamos un dispositivo por cable.

Nese contexto é onde entran en xogo as solucións de WiFi mesh, como Nest WiFi, a segunda xeración deste tipo de sistemas que firma Google, como evolución de Google WiFi.

Especificacións técnicas

O kit que probamos inclúe un router e un punto de acceso adicional, pero tamén se pode mercar unicamente o router (tamén puntos de accesos adicionais, pero precisamos sempre ter o router Nest WiFi que fará de cabeceira). Estes dispositivos son tipo mesh, que significa que se comunican para facer unha rede única transparente tanto para nós como usuarias como para os dispositivos, que verán unha única rede con independencia de a cal dos puntos estén conectados.

Segundo afirma Google, o kit de router e punto adicional permite administar até 100 equipos á vez por dispositivo, e cubrir unha área de cobertura de até 210 metros cadrados, aínda que isto depende de moitos factores, que van desde o deseño da vivenda até os materiis empregados na súa construción.

Incoporan cifrado WPA3 e traballan principalmente na banda de 5 GHz, que adoita estar menos conxestionada que a de 2,4 GHz. Así mesmo, son compatíbeis con todas as normas de WiFi, a saber 802.11 a/b/g/n/ac, o que permite un gran retrocompatibilidade se temos dispositivos antigos pola casa.

No interior ambos dispositivos do kit contan co mesmo procesador de 1,4 GHz, aínda que o router leva 1 GB de RAM e 4 GB de almacenaxe flash e o punto adicional 768 MB de RAM e 512 MB de almacenaxe.

A maiores, o punto adicional inclúe un altofalante con dispersión en 360 graos e diafragma de 40 mm, así como micrófonos de campo lonxano. Isto é porque cada punto adicional funciona como un asistente de Google Assistant, o que nos permite levar a cabo todo tipo de interaccións de voz, como se se tratase dun punto Google Home.

Instalación e configuración

Certamente, Google esmerouse para que a instalación e configuración destes dispositivos fose extremadamente sinxela. Na caixa do kit atopámonos cos dous dispositivos, claramente diferenciábeis a simple vista con só ver o altofalante do punto adicional, ambas tomas de corrente e un cable de rede.

Ademais de enchufalo, o primeiro que debemos facer é conectar o router ao router da nosa operadora a través do cable de rede. Aquí é importante conectalo ao axeitado, xa que o router de Nest WiFi dispón de dous portos, un de entrada e outro de saída. Isto tampouco ten maior complicación, xa que se nos trabucamos avisaranos para que poñamos o cable no correcto.

Unha vez conectado, debemos acceder á aplicación Google Home (dispoñíbel tanto en Android como en iOS) e acceder ao apartado de “engadir novo dispositivo”. A continuación iranos guiando en todo o proceso, no que podemos ir escollendo cousas como o SSID (o nome da nosa rede WiFi) ou a contrasinal. Unha vez completada a configuración do punto inicial, poderemos engadir o punto adicional, e tantos como queiramos para completar a cobertura da nosa casa.

Como xa avanzamos, a vantaxe que teñen estas redes mesh ou malladas é que podemos ir engadindo puntos de conexión adicionais, e sen intermediación das usuarias van escollendo a que punto se conectan para ofrecer a mellor cobertura, algo que pode ir variando co tempo de forma automática e transparente.

Usando Nest WiFi no día a día

Se queremos sacarlle todo o partido a Nest WiFi, ademais da aplicación Google Home – que nos permite configurar todos os dispositivos hardware intelixentes na noss casa – debemos instalar a aplicación Google WiFi. A través dela teremos acceso a un montón de configuracións adicionais, que completan a experiencia de uso.

As máis interesantes son as seguintes:

  • Creación de rede para convidados. Crear unha segunda rede para as persoas que nos visitan é algo moi interesante, sobre todo agora que é moi probábel que teñamos todo tipo de dispositivos (lámpadas, enchufes, altofalantes, televisores…) á nosa rede privada. Desde a aplicación, poderemos configurar esta segunda rede de maneira rápida e sinxela.
  • Dispositivos prioritarios. Esta é outra das características a destacar e permite elixir cal ou cales son os dispositivos conectados á nosa rede que deben ter prioridade cando hai unha alta demanda de conexión. Así, por exemplo, podemos priorizar a consola para ter unha menor latencia e darlle menos prioridade ao móbil dalguén que está navegando polas redes sociais.
  • WiFi Familiar. A última das tres características que queremos destacar é WiFi Familiar, unha ferramenta moi orientada ao control da conectividade dos dispositivos das menores. Permítenos bloquear o acceso a contidos inadecuados, así como tamén programar horas “de desconexión”, por exemplo para que non se poidan conectar durante a noite.

Se falamos do rendemento da rede interna, atopámonos cunha mellora sustancial da velocidade de enlace, pasando dos 65 aos 390 Mbit/s. O aproveitamento da conexión tamén nos pareceu notorio, xa que probamos o sistema nunha vivenda con ADSL á que chegan velocidades duns 13 Mbps de descarga por cable e 8-10 Mbps a través da WiFi do router da operadora. Con Nest WiFi, a velocidade media da conexión WiFi ficou sempre nos 12-13 Mbps, aproximándose ao 100% da conexión. Pode non parecer moita mellora, pero se temos en conta o tipo de conexión, unha mellora de 4 – 5 Mbps é substancial, algo que trasladado a unha conexión de fibra supón aproximarse á velocidade contratada e non perder “ducias” de megas no aire.

Conclusión, dispoñibilidade e prezo

Se queremos aproveitar ao máximo a conexión dentro das nosas vivendas, apostar por unha solución en malla é unha opción que debemos considerar. A alternativa que nos ofrece Google con Nest WiFi ten a vantaxe da facilidade de configuración, e unha aplicación que nos achega ás opcións máis habituais de maneira sinxela. A nosa experiencia, desde logo, foi moi positiva.

Nest WiFi pódese mercar tanto a través da tenda en liña de Google como en tendas de electrónica como MediaMarkt, Amazon ou El Corte Inglés. Os prezos son os seguintes:

  • Router + punto de acceso: 259 euros (foi o kit que probamos nós)
  • Router: 159 euros.
  • Punto de acceso adicional: 139 euros.

Sobre o autor

Reply