Toda a información do novo Xiaomi Redmi K30s

Xiaomi continúa avanzando na súa axenda de lanzamentos deste 2020, sendo o Redmi K30s anunciado onte o último dos seus últimos trebellos presentados. Trátase dun modelo con características de gama alta a prezo contido, que de momento descoñecemos se chegaremos a ter no mercado galego.

O novo Redmi K30s leva unha pantalla LCD de 6,67 polgadas con resolución Full HD+ e taxa de refresco de 144 Hz. No interior ten un dos procesadores máis potentes deste ano, o Qualcomm Snapdragon 865, que vén acompañado de 8 GB de memoria RAM e 128 ou 256 GB de memoria interna, a escoller.

O apartado fotográfico, cun módulo que dá todo o protagonismo á cámara principal, está formado por 3 sensores traseiros e un dianteiro. Así, a cámara principal vén equipada cun sensor de 64 Mpx Sony IMX682, complementado por un sensor de 13 Mpx UGA 123º e un de 5 Mpx macro. Do outro lado, por diante, temos un sensor de 20 Mpx.

A súa batería, un dos puntos que Xiaomi quixo pór en valor neste novo dispositivo, é de 5.000 mAh de capacidade, con carga rápida de 33 W. Non lle falta conectividade 5G SA/NSA, WiFi 6, Bluetooth 5.1, NFC, sensor de infravermellos e, por suposto, USB-C.

Dispoñibilidade e prezo

Con esta folla de características poderíamos estar a falar dun trebello duns 700 – 800 euros, mais Xiaomi, seguindo a estela da súa submarca Redmi, axustou o prezo, e este novo modelo pódese adquirir na China por uns 325 euros ao cambio na versión de 128 GB de memoria, e de 350 euros na de 256 GB.

Polo de agora non está confirmada a súa chegada ao noso país, e se o fai a que prezo o fará. En calquera caso, se chega, será un dispositivo con prezo contido.

Sobre o autor

Reply