As usuarias de Vodafone xa poden chamar con Amazon Alexa usando o seu móbil

A operadora Vodafone vén de anunciar que a súa clientela xa pode realizar e recibir chamadas de teléfono a través dos distintos dispositivos Amazon Echo con Alexa, como se estiveran a usar o seu mesmo número de teléfono móbil.

Isto é posíbel grazas ao servizo OneNumber con Alexa de Vodafone, que abre a porta para que as usuarias desta compañía telefónica poidan pedir a Alexa que chame aos contactos da súa axenda (ou marcar un número novo) ou descolgar unha chamada entrante empregando só a voz, e co mesmo número e tarifa que teñan contratada.

Deste modo, bastará cun simple comando de voz como “Alexa, chama a María” ou “Alexa, contesta” para que a clientela de Vodafone poida experimentar as chamadas en mans libres, sen necesidade de interromper o que estean a facer para coller o teléfono. A experiencia, desde o punto de vista das usuarias, será a mesma ca cunha chamada de móbil e con todos os servizos que poideran ter asociados, agás as chamadas de emerxencia, que non están dispoñíbeis a través de Alexa.

Para activar este servizo, as persoas interesadas deben activalo accedendo á aplicación de Alexa. Dentro dela, deben ir ao apartado “Máis”, premer sobre “Configuración” e seleccionar “Comunicación”, onde aparece unha opción para engadir o número de Vodafone.

O servizo Vodafone OneNumber con Alexa está dispoñíbel por 1 €/mes, mais como promoción de lanzamento todas as usuarias da compañía poderán disfrutar do servizo de maneira gratuíta até o 31 de decembro deste 2020.

Vodafone OneNumber é o servizo multiSIM de Vodafone, que permite ás usuarias ter activas diversas SIMs (físicas ou virtuais) co mesmo número, e con todas as funcionalidades da liña principal (uso de chamadas, recepción de SMS, datos….). Isto resulta de gran utilidade se temos dispositivos como smartwatches, tablets ou teléfonos adicionais que queremos empregar cos mesmos datos.

Sobre o autor

Reply