Na primavera coñecemos o LG Velvet, un dispositivo que chegou por sorpresa, sen encadrarse en ningunha concreta da compañía e que chamou a atención de todas, tanto polo seu deseño como polas súas características.
Trátase dun modelo que encadraríamos nesa gama media premium, tan só un chanzo por baixo da gama alta, e que combina características técnicas de primeira cuns acabados superiores ao habitual na súa gama.
Este modelo, o LG Velvet, vén de pasar pola nosa mesa de análises. Estas son as nosas impresións sobre o mesmo.
Deseño e acabados
O LG Velvet é un dispositivo fermoso e diferente á tendencia deste 2020, no que a meirande parte dos trebellos – con independencia da marca – apostaron por unha traseira na que existe un módulo de cámaras prominente. Pola contra, o Velvet, sitúa as súas cámaras traseiras nun array posterior que está acabado en cristal, outorgándolle unha presenza de gama alta.
A súa forma é alongada, cunhas dimensións alto – ancho de 167,1 x 74,1 mm, e un peso de 18 gramos. Isto permítenos, como veremos no apartado específico, disfrutar dunha pantalla de gran formato sen termos que soster na man un trebello ancho, o que fai que tamén se facilite o uso do mesmo cunha soa man.
As botoneiras sitúanse a ambos lados do dispositivo. Así, no lateral esquerdo temos os controis de volume e unha tecla adicada a Google Assistant, mentres que do outro lado, no lateral dereito, está o botón de acendido. Na parte superior atopámonos coa bandexa extraíbel para a tarxeta SIM, e na inferior o porto USB-C, o altofalante e o jack de auriculares.
Durante as semanas que puidemos usalo resultounos un dispositivo extremadamente cómodo na man, tanto polo seu formato – que xa destacamos – como tamén pola curvatura do panel nos laterais, o que facilita o agarre ao tempo que tamén supón un plus de beleza no deseño.
Hardware e rendemento
O LG Velvet leva un procesador Qualcomm Snapdragon 765G, un dos máis eficientes e mellor valorados nesta gama entre os dispositivos que incorporan capacidades de conexión 5G. Xunto a el temos 6 GB de RAM e 128 GB de memoria interna ampliábeis por microSD.
Dispón de lector de pegadas dixitais baixo a pantalla, alfofalantes estéreo e compatibilidade tanto con LG Dual Screen como co Stylus Pen. Ademais, é resistente á auga e pó segundo os estándares IP68.
No que ten a ver coa conectividade, como xa avanzamos, trátase dun dispositivo capaz de conectarse ás redes 5G, tanto SA como NSA. Tamén, por suposto, leva WiFi, Bluetooth e USB-C.
En canto á experiencia de uso, o certo é que o terminal responde sen problema a practicamente calquera exixencia hardware que plantexemos, e sen aparicións dos molestos lags dalgúns terminais Android. Habituados a manexar modelos de gama superior, o certo é que non apreciamos diferencia no rendemento, agás – iso si – unha temperatura en aumento ao empregar xogos pesados, sen que chegue a ser alarmante ou molesta.
Pantalla
A pantalla do LG Velvet destaca non só polo seu tamaño, 6,8 polgadas, senón tamén – e especialmente – polo seu formato de 20,5:9. Hai quen o verá demasiado alongado, mais o certo é que ademais de permitir un bo visionado de contidos para lectura tamén está pensado para o formato “cinemático”. Neste senso, a realidade é que moitos dos contidos aínda están en formato 16:9, polo que tampouco se aproveita ao máximo estas peculiaridade.
Como avanzamos noutro dos apartados, o panel conta cunha curvatura a ambos lados bastante pronunciada, cuxa función é puramente estética e de de ergonomía, sen aportarnos utilidades adicionais.
Se falamos de calidade, estamos ante un panel no que a definición de cor é moi boa, e ademais se nos permite escoller entre modos diferentes, para termos un visionado máis vivo, natural ou orientado ao cinema. As usuarias máis avanzadas poderán personalizar a súa experiencia ao máximo, axustando os parámetros ao seu antollo.
Cámara
Chegamos ao apartado da cámara, o que sen dúbida é un dos máis relevantes polas usuarias á hora de escoller os seus móbiles.
Atopámonos cunha cámara traseira triple, que está formada por un sensor principal de 48 megapíxeles, un segundo sensor gran angular de 115 graos de 8 megapíxeles, e un terceiro sensor de 5 megapíxeles bokeh, adicado á profundidade de campo.
En canto á aplicación de cámara de LG, atopámonos a integración de Google Lens (especialmente cómoda para acceder a QRs neste momento de pandemia na que moitos establecemento hostelereiros puxeron as cartas con este método de acceso), unha forma rápida de cambiar a gran angular, modo retrato e activación por voz, entre outras.
Se falamos de resultados, atopámonos con que temos un dispositivo que responde bastante ben nas situacións máis habituais, aínda que aquelas persoas que estén buscando un dispositivo que destaque especialmente en fotografía decantaranse de que estamos ante un dispositivo de gama media, cunhas cores aproximadas que non sempre se corresponden coa realidade.
Hai que destacar o uso dun HDR que non resulta especialmente invasivo, no sentido de estropear as imaxes. Aquí ao contrario, este modo – que serve para “clarear” as partes escuras – aplícase de maneira máis natural ca noutros dispositivos.
En canto á cámara dianteira, LG apostou por incluír un sensor único de 16 megapíxeles, cun funcionamento correcto mesmo en condicións de pouca luminosidade.
Por último, podemos gravar vídeos en 4K, e aquí hai que poñer tamén de relieve a presenza do estabilizador óptico, que nos permite que o resultado sexa bastante coidado.
Pódense consultar fotografías tomadas con este móbil neste enlace.
Software
Como todos os modelos de LG, sobre a base de Android 10 trae a súa propia capa de personalización, unha capa da que puidemos ir vendo a evolución nos últimos anos e que foi madurando aos poucos para ser menos pesada e menos invasiva.
A experiencia visual e de uso é cada vez máis parecida a Android Stock, e iso é de agradecer. Porén, de primeiras atopámonos con moitas aplicacións e xogos preinstalados, que deberemos eliminar ou inhabilitar se non queremos que nos molesten.
É no apartado das personalizacións, como as que vimos da pantalla, ou tamén na das opcións como Always On Display ou o sistema de bloqueo Knock On, onde se agradece que LG vaia unha paso máis aló de Google á hora de aportar contidos extra ao dispositivo.
Batería
A batería que incorpora o LG Velvet é de 4.300 mAh de capacidade, o que nos ofrece arredor das 7 horas de pantalla. Se falamos en “días” temos con facilidade día e medio de automía para un uso bastante completo.
Isto é de agradecer, xa que nos permite esquecernos do enchufe malia que teñamos un día “intenso” no uso, e chegar á casa con batería suficiente para seguir disfrutando do noso trebello sen ter que estar pendente de cargalo.
Dispón de carga sen fíos a 9W, que se ben non é moi rápida nos vale para deixar cargando o dispositivo ao longo da noite. Pola súa banda, tamén ten carga rápida por cable, neste caso de 25W, facendo que lle leve preto de 2h cargalo por completo.
Conclusións
Tras estar analizando este trebello durante algunhas semanas, temos que dicir que nos deixou moi boas impresións. A nível deseño e rendemento esquecéusenos que estabamos a falar dun dispositivo de gama media premium, senón que esa experiencia podería pasar pola dun gama alta.
É en cuestións como a cámara, que sendo boa podería ser mellorábel, ou na ausencia dunha carga rápida máis rápida, onde notamos que é un gama media e que se queremos “máis” debemos optar por un dispositivo superior.
Ter 5G é un plus para todas aquelas early adopters que queiran comezar a disfrutar deste tipo de redes que están a desplegar as operadoras no noso país, aínda que xa sabemos que esta tecnoloxía aínda está verde e pasará algún tempo antes de que sexa un valor en si.
O LG Velvet está dispoñíbel por 699 euros.