Sen que tan sequera cheguemos a darnos conta, WhatsApp actúa como un auténtico devorador da memoria dos nosos móbiles, non tanto polo volume de mensaxes de texto que poidamos compartir – que apenas supoñen ocupación de espazo – senón polos contidos multimedia como fotografías, vídeos, gifs, audios ou documentos, en ocasións sen máis importancia ca a dun meme compartido ducias de veces.
A popular aplicación de mensaxería xa contaba cunha ferramena para liberar espazo nas diferentes conversas. Esta ferramenta amosaba para cada chat o espazo ocupado por gifs, fotos, documentos, vídeos ou audio, ofrecéndonos a posibilidade de eliminalo para recuperar memoria. Pois ben, esta ferramenta vén de ser actualizada e mellorada na última versión de WhatsApp, logo de ter aparecido nunha das últimas betas, e xa está comezando a chegar a todos os móbiles a través dunha actualización.
Para acceder a esta utilidade, que se atopa onde estaba a anterior, debemos dirixirnos ao menú Axustes da aplicación, para logo seleccionar “Almacenamento e datos”. Dentro desta opción temos outra chamada “Administrar almacenamento”. Así como a versión inicial era unha simple mostra por cartafoles, tras a actualización teremos un apartado moito máis visual e con novas opcións.
Agora, a ferramenta detecta as imaxes, vídeos ou gifs reenviadas moitas veces – que na meirande parte dos casos serán memes ou chistes que recibimos – e tamén os arquivos que superen un determinado tamaño que seleccionemos, para poder eliminar rapidamente aqueles que teñan un tamaño superior.
Mais se cadra, a mellor das novidades é que nos permite xestionar que borrar e que non borrar, xa que coa ferramenta anterior só podía facerse a limpeza a feito, é dicir, eliminar por completo – por exemplo – o cartafol de fotografías, todas de vez, dunha mesma conversa.
Como apuntamos anteriormente, esta ferramenta xa é oficial e estase a despregar a todos os terminais a través dunha actualización pola Play Store, que se non a temos recibido xa, deberíamos facelo nos próximos días.