Huawei presentou onte a súa estratexia comercial para os próximos meses, un evento online no que a compañía perfilou algúns detalles dos seus últimos lanzamentos, e no que tamén anunciou novidades. Entre elas, a apertura de novas tendas físicas.
A Coruña contará cunha tenda Huawei a finais deste mesmo mes, situada na Praza de Lugo, e outras cidades como Bilbao ou Barcelona tamén estrearán o seu Espazo Huawei nas próximas semanas. Nestes lugares, as usuarias poderán coñecer todos os produtos da marca chinesa a modo de experience store, e por suposto, tamén mercalos.
Unha das sorpresas sobre esta nova é que non só haberá produtos de Huawei nestas tendas. Así, a marca chineas tamén anunciou onte o acordo con varios fabricantes para poder amosar e distribuír nelas os seus produtos.
O máis destacado é o acordo con Cecotec, o fabricante español de robots intelixentes como a aspiradora Conga, polo que as potenciais clientas que se acheguen a estas tendas tamén poderán coñecer os seus produtos. Máis aló deste acordo con Cecotec, nas tendas de Huawei tamén haberá cepillos intelixentes, como o Leboo Smart Sonic, e outros produtos conectados.
Dispoñibilidade e prezo do Huawei Mate40 Pro
Máis aló da estratexia súa estratexia comercial, Huawei tamén aproveitou a cita de onte para dar información sobre a dispoñibilidade e prezo do Huawei Mate40 Pro, un dos últimos terminais da compañía desvelado hai unhas semanas, e do que tedes máis información nesta ligazón.
O novo Huawei Mate40 Pro está dispoñíbel na modalidade de pre-compra até o próximo 12 de novembro, puidéndose adquirir en negro (Black) ou prata (Mystic Silver) por 1199 €. A vantaxe que atoparán aquelas usuarias que elixan a pre-compra fronte á compra a partir desa data é que recibirán de regalo uns Huawei FreeBuds Pro en cor branco.
Ademais, e co ánimo de potenciar os seus servizos (lembremos que o terminal vén sen os servizos e apps de Google nin a Play Store), Huawei tamén agasalla ás compradoras deste terminal con diversas vantaxes dentro dos Huawei Mobile Services. Entre estas vantaxes están os 50 GB de espazo na nube de Huawei Cloud durante 12 meses, 6 meses de balde de Huawei Music e 3 meses de balde de Huawei Video, os servizos de streaming de música e vídeo da compañía, respectivamente.
Ecosistema de produtos conectados
Huawei tamén fixo un repaso polos diferentes produtos que veñen a completar o ecosistema de dispositivos conectados de Huawei, como os primeiros auriculares profesionais con cancelación de ruído, os Huawei FreeBuds Studio, dispoñíbeis por 299 €.
Por outro lado temos os Huawei Sound X, un dos altofalantes premium da marca, deseñados en colaboración con Devialet e que se poden mercar por 199 € até o 12 de novembro.
E por último ,os Huawei Gentle Monster EyeWear II, uns lentes de sol que permite ás usuarias escoitar música, realizar chamadas e recibir notificacións por 329 euros.