Analizamos o Wiko View4 Lite

Durante as últimas semanas tivemos a oportunidade de analizar o Wiko View4 Lite, un dispositivo que se enmarca dentro desa gama entrada máis accesíbel, pero que aínda así non renuncia a ofrecer ás potenciais usuarias diversas características e funcionalidades que fan que sexa un produto moi interesante.

Isto faise sen dúbida máis relevante cando estamos a falar dunha gama na que se compite con múltiples marcas, e facerse oco é difícil. Porén, Wiko é unha marca que ten ese “plus” de ter certa europeidade – lembremos a súa orixe francesa, aínda que a dona da empresa sexa agora chinesa – que notamos na experiencia software máis limpa.

Vexámolo máis polo miúdo

Deseño e acabados

O Wiko View4 Lite é un dispositivo cunhas dimensións de 165,7 x 75,8 x 8,85, e un deseño alongado que na parte frontal da pantalla ten a típica “pinta” para albergar a cámara.

No lateral dereito ten o botón de acendido e tamén os controis de volume, mentres que do outro lado, no esquerdo, dispón dunha tecla que ofrece acceso directo a Google Assistant e a bandexa para as tarxetas. Por debaixo temos o altofalante principal e o conector (microUSB) e na parte superior o conector de audio 3.5 mm.

A tapa traseira, fabricada en plástico, ofrece visualmente unha sensación metálica bastane conseguida, e que lle aporta certa sensación de categoría superior. Nesa parte traseira destaca o módulo da cámara, situado en modo array, co flash ao carón.

Hardware e rendemento

O Wiko View4 Lite está equipado cun procesador MediaTek, o MediaTek 6762D (Helio A25), formado por catro núcleos Cortex-A53 a 1,8 GHz e outros catro Cortex-A53 a 1,5 GHz. Está acompañado de 2 GB de RAM e 32 GB de memoria interna, ampliábeis a través de tarxetas microSD.

Dispón de conectividade Bluetooth, LTE e WiFi (exclusivamente a banda de 2,4 GHz), así como GPS e conector de audio de 3.5 mm.

O procesador escollido, dentro da gama entrada, é dos modelos que mellor rendemento teñen, aínda que consideramos que o fabricante debería ter apostado polos 3 GB de RAM, algo moi habitual nestes tempos na liña de prezo que se move.

Pantalla

Incorpora unha pantalla de gran tamaño, en concreto un panel LCD IPS de 6,52 polgadas con resolución HD+ (1600 x 720 píxeles, 270 píxeles por polgada), e formato extendido para unha mellor visualización de contidos multimedia.

Sen ser unha pantalla de gama alta, compórtase moi ben en todo tipo de situacións, permitíndonos ás usuarias disfrutar do dispositivo tanto en interiores como en exteriores, onde a xestión do brillo resulta boa para a empregabilidade con incidencia da luz solar.

Cámara

Wiko non quixo renunciar a incluír un sistema multicámara, e ofrécenos na parte traseira unha formada por un sensor principal de 13 megapíxeles que está acompañado dun gran angular de 5 megapíxeles e 114 graos e dun terceiro sensor, para profunidade, de 2 megapíxeles. Do outro lado, na parte frontal temos unha cámara de 5 megapíxeles.

A aplicación de cámara ofrece a configuración habitual, con modos como beleza, nocturno, desenfoque ou gran angular, aínda que tamén dispón dun modo profesional que permite ás usuarias máis avanzadas xogar co ISO, alance de brancos e a apertura para fotografías concretas.

Os resultados, na liña dos dispositivos que podemos atopar nesta gama, son normaliños. Así, en condicións nos que a luz é favorábel atopámonos con imaxes máis nítidas e con un nível de detalle, pero en condicións menos favorábeis, a perda de calidade é notoria.

Software

O dispositivo vén con Android 10 de serie, e cunha interface que practicamente vén a ser Android stock. Isto é moi positivo, xa que tendo en conta que non se trata dun dispositivo moi potente, as capas de personalización adoitan restar rendemento, polo que a aposta por unha versión “limpa” de Android é algo a destacar.

Porén, o trebello danos a opción de crear unha conta con Wiko e instalar software adicional que eles recomendan, aínda que sempre poderemos descartar esta opción e eliminar ou desactivar o que non queiramos.

Neste sentido, e a falta de coñecer a política de actualizacións a próximas vesións, podemos valorar positivamente esta aposta polo software máis puro.

Batería

A batería é sen dúbida o punto forte dispositivo. Ten unha capacidade de 4.000 mAh, o que se traduce en que o terminal ofrécenos unha autonomía real de dous días e medio, podendo facilmente superar os tres días, para un uso “normal” que inclúa redes sociais, navegación e mensaxería.

Esta autonomía pode verse multiplicada e aproximarse á semana de uso se facemos un uso máis moderado do trebello, grazas a que o dispositivo apenas consume enerxía en repouso.

O cargador que acompaña ao dispositivo é de 5V e 1,5 A, ofrecendo unha potencia de carga máxima de 7,5 W. Cargar por completo o dispositivo levaranos aproximadamente unhas tres horas.

Conclusións

Como fomos vendo ao longo do artigo, o Wiko View4 Lite ten algunhas características moi interesantes, como a súa batería de longa duración ou a pantalla de gran tamaño.

O procesador escollido e a aposta por un software limpo tamén son dignos de mención non dispositivo desta gama, e os aspectos nos que podería ser mellor son a cámara e as capacidades de almacenaxe e RAM.

En calquera caso, estamos falar dun dispositivo de entrada, que ten un prezo de 129 euros, bastante competitivo nunha gama case dominada polo imperio de marcas chinesas, mais destacando cun “plus” europeo que pode marcar a diferenza.

Está dispoñíbel a través das canles habituais de compra, tanto online como en establecementos físicos.

Sobre o autor

Reply