Google anunciou hai uns días que a partir de xuño do ano que vén deixará de ofrecer almacenamento gratuíto en Google Photos paras as imaxes den alta calidade.
E é que até o de agora a compañía de Mountain View ofrecía ás usuarias dúas opcións para conservar unha copia de seguridade na nube das súas fotos: facelo coa calidade orixinal, consumindo espazo de almacenamento, ou facelo en “alta calidade”, cun procesado propio (e sen moito cambio aparente), que tiña como principal vantaxe o non consumir o espazo gratuíto que a compañía ofrece a cada conta para compartir entre Gmail, Drive e Photos.
A partir de mediados do ano que vén, as usuarias que desexen seguir empregando este servizo, verán como a copia das fotos reducirá o espazo de almacenamento asignado, polo que son moitas as que deberán pasar por caixa se desexan seguir empregando este servizo como facían até o de agora. E aí é onde entra en xogo Google One.
Google One é o plan de pago de Google, que permite ampliar o espazo dispoñíbel para as nosas utilidades máis aló dos 15 GB gratuítos que ofrece a compañía nas súas contas. Existen diferentes opcións a contratar, o que permite ir ampliando o servizo conforme vaian medrando as nosas necesidades.
Actualmente, estes son os plans dispoñíbeis:
- 100 GB por 1,99 €/mes (ou 19,99 €/ano)
- 200 GB por 2,99 €/mes (o 29,99 €/ano)
- 2 TB por 9,99 €/mes (ou 99,99 €/ano)
- 10 TB por 49,99 €/mes
- 20 TB por 99,99 €/mes
- 30 TB por 149,99 €/mes
Pero máis aló do incremento do espazo, Google One tamén ofrece funcionalidades extra, como a opción de compartir ese espazo con até outros cinco membros da familia, gozar de vantaxes exclusivas (descontos en servizos ou hardware da compañía) e ter un ser servizo de asistencia a través de chat ou correo electrónico.
Para aquelas persoas que buscan unha alternativa para gardar as súas fotos, a opción máis recomendábel pode ser optar por Amazon, xa que se gozamos dunha subscrición a Amazon Prime poderemos gardar todas as nosas fotos á calidade orixintal de maneira gratuíta.