Google Pay actualízase con importantes novidades

Unha das aplicacións máis universais de pagos móbiles para as usuarias de Android é Google Pay, que como o seu propio nome indica, é a plataforma lanzada por Google. Agora, a compañía de Mountain View vén de actualizala para engadir novas funcionalidades e facer que sexa unha ferramenta moito máis completa.

Os principais obxectivos desta actualización van na liña de permitirnos aforrar cartos e ter un control moito máis exhaustivo dos nosos gastos, aínda que tamén atopamos novidades en deseño e na simplificación dalgunhas operacións.

Pensando nos plans en grupo, Google decidiu integrar unha especia de sistema de mensaxería in-app que nos permite chatear cos nosos contactos para pedirlles ou enviarlles cartos (como un Bizum, pero máis completo), así como tamén crear grupos temáticos para compartir os gastos – por exemplo dunha viaxe ou dunha cea en grupo – dividindo os pagos entre as persoas participantes de acordo coa súa aportación.

A maiores destas dúas funcionalidades, nos Estados Unidos vai permitir pedir – e pagar – comida en máis de 100.000 restaurantes, mercar combustíbel en máis de 30.000 gasolineiras e pagar polo aparcadoiro en máis de 400 cidades. E todo sen ter que saír da app.

Se cambiamos os gastos polo aforro, temos que falar das novidades encamiñadas a facilitar o aforro de cartos, e isto a nova app de Google Pay faino de dúas maneiras. Dun lado temos as ofertas ou recompensas que podemos atopar ao pagar nas tendas, e do outro a opción de vencellar as contas bancarias á aplicación para poder controlar así todas as transaccións que fagamos, permitindo buscas temáticas (“gastos en tendas deportivas”, “supermercados”) ou temporais (“gastos de outubro”), algo que Google ten máis que demostrado que sabe facer bastante ben.

Esta nova versión de Google Pay chega primeiro aos Estados Unidos, de momento con acceso anticipado na Play Store, xa que se agarda que sexa no 2021 cando se produza o lanzamento oficial. Ademais, o próximo ano tamén van lanzar en USA as contas Plex, unhas contas que van permitir usar Google Pay como se fose a app bancaria, permitindo realizar transferencias, bloquear tarxetas e outras das operacións típicas que nos permiten as nosas entidades actualmente.

Sobre o autor

Reply