Vodafone, Orange, Virgin, Lowi, Simyo e FiNetwork regalan gigas gratis polo Nadal

Hoxe queda xusto un mes para a Noiteboa, polo que a estas alturas a meirande parte das operadoras xa anunciaron as súas promocións ligadas a estas datas. Nos últimos anos vimos como o máis habitual nestas compañías é recorrer a “premiar” tanto á clientela actual como á que poidan captar durante estas épocas con melloras nas tarifas ou complementos para a oferta contratada, como un xesto de afianzar a relación cliente – operadora.

Aumentar a franquía de datos incluídos na tarifa contratada durante unhas semanas tense convertido nunha das opcións máis socorridas nos últimos exercicios, e este ano semella que moitas das operadoras optarán por esta solución.

Así, operadoras como Vodafone e Orange, ou as virtuais Virgin Telco, Lowi, Simyo e Fi Network, xa anunciaron os seus plans para aumentar o volume de datos que pode consumir a súa clientela durante o Nadal, e imaxinamos que nos próximos días serán outras as compañías que se sumen a esta medida.

Dado que tras a última modificación de tarifas as usuarias de Vodafone de contrato xa contan con chamadas e datos ilimitados, a compañía optou por ofrecer á súa clientela de prepago entre 10 e 15 GB adicionais, dependendo do plan contratado.

  • Prepago S. Esta tarifa, que contacon 6 GB de datos, recibe 10 GB adicionais.
  • Prepago M, Prepago L, Prepago XL. As tarifas M (12 GB), L (25 GB) e XL (35 GB) terán 15 GB extra.

En calquera dos casos, Vodafone permite disfrutar desta mellora desde agora e até o 31 de xaneiro.

A promoción elixida por Orange é idéntica á de Vodafone, apostando por aumentar a franquía de datos ás usuarias de cartón prepago. Os plans Mundo, Go e Holidays verán incrementados os datos entre 10 e 15 GB dependendo da tarifa concreta, e permite disfrutalos até o vindeiro 31 de xaneiro.

A oferta de Orange queda como segue.

  • Plans Mundo. Mundo Mini (5 GB) e Mundo 10 (6 GB) aumentan a franquía de datos en 10 GB, mentres que Tu Mundo (12 Gb), Mundo 15 (14 GB) e Mundo 20 (25 GB) fano en 15 GB extra.
  • Plans Go. Go Walk (6 GB) recibe 10 GB extra, mentres que Go Run (12 GB) e Go Fly (20 GB) terán 15 GB extra.
  • Holidays. A tarifa Holidays pasa de 30 a 45 GB en promoción.

Choiva de Gigas, tamén nos virtuais

As operadoras virtuais tampouco quedan atrás no lanzamento deste tipo de promocións, e súmanse a esta campaña de Nadal agasallando daatos adicionais á súa clientela, como é o caso de Virgin Telco, Lowi, Simyo ou Fi Network.

Unha das últimas en chegar, Virgin Telco, a marca de Euskaltel para operar en todo o estado, aposta por ofrecer á súa clientela datos ilimitados en todas as liñas que teña contratadas durante 6 meses, e sen custe adicional.

Esta é sen dúbida unha boa maneira de sacar músculo e dar a coñecer os seus plans sen límite de datos, unha alternativa cada vez máis popular entre as operadoras que queren ofrecer solucións ás clientas que non queren preocuparse polo uso que fan do móbil.

Lowi volve incidir en regalar á clientela un feixe de Gigas cos que poder navegar sen preocuparse do contador de datos, e na liña do que ten feito outros anos, ofrece 50 GB de datos adicionais.

Pola súa banda, Simyo ofrece 20 GB de balde que se poden activar en calquera momento até o 13 de xaneiro, e disfrutar durante os 15 días seguintes.

Por último, Fi Network ofrece 25 GB para disfrutar até o 31 de xaneiro, tanto para clientes actuais (ás que xa lles foi activada a promoción de maneira automática) como ás que puideran darse de alta até o 6 de xaneiro.

Sobre o autor

Reply