Qualcomm 888, o procesador dos gama alta do ano que vén

Como adoita ser habitual por estas datas, Qualcomm vén de dar a coñecer o seu procesador de referencia, o chip que elixirán un bo feixe de fabricantes para os seus terminais de referencia do próximo ano. Trátase do Qualcomm Snapdragon 888 5G.

O novo chip de Qualcomm pivota sobre catro puntos principais, que son a conectividade, a intelixencia artificial, a fotografía e o gaming, puntos que destacan entre as necesidades das usuarias dun smartphone actual, sobre todo cando falamos de modelos de gama alta.

Fabricado con tecnoloxía de 5 nanómetros, o Snapdragon 888 dispón de arquitectura de 8 núcleos Kyro 680 a 2,84 GHz, distribuídos en 1 x Cortex X1 a 2,84 GHz, 3 x Cortex A78 a 2,84 GHz e 4 x Cortex A55 a 1,8 GHz, así como GPU Adreno 660.

Conectividade

No apartado da conectividade non podía faltar o 5G NSA/SA, grazas ao novo módem Snapdragon x60 5G, fabricado tamén en 5 nanómetros e que vén xa integrado no propio procesador, permitindo velocidades de conexión de até 7,5 Gbps / 3 Gbps. Isto marca unha diferenza importante co anterior chip de Qualcomm, o Snapdragon 865 do ano pasado, que se ben tiña soporte para 5G, o modem (Snapdragon X50) ía por separado.

Así, o procesador é compatíbel coas redes 5G sub-6, e coa agregación de operadores, ademais das redes 5G mmWave (milimétricas), para facilitar a creación de redes privadas 5G. Tamén soporta multi SIM global 5G, e a agregación de canles DSS, que é unha das solucións que están a empregar as operadoras para facer chegar ás usuarias do 5G NSA aproveitando a infraestrutura 3G e 4G existente.

Tamén inclúe o chip FastConnect 6900, con soporte para WiFi 6 (até 3,6 Gbps) e WiFi 6E (até 6 Gbps), e Bluetooth 5.2, o que permite dobre antena e mellora a calidade dos enlaces como Qualcomm aptX, especialmente importante se usamos auriculares sen fíos.

Por último neste apartado, temos compatibilidade total con todos os sistemas de navegación máis empregados: GPS, Glonass, BeiDou, Galileo, QZSS, NavIC e SBAS.

Seguridade

Desde que empregamos smartphones, a seguridade tense convertido nunha necesidade crítica, polo que nos últimos anos vimos como foron actualizándose os xeitos de identificación, incluíndo elementos biométricos.

Así, o chip dá soporte á lectura de pegadas dixitais, recoñecemento de iris, recoñecemento facial e recoñecemento de voz, dentro do Qualcomm Mobile Segurity.

Fotografía

Coa chegada dos primeiros móbiles con capacidades de gravación de vídeo en 8K como vimos neste 2020, tamén se incrementa a necesidade de procesado, polo que neste Snapdragon 888 o fabricante estrea o Qualcomm Spectra 580, que permite procesador á vez as fotografías de 28 megapíxeles de tres cámaras, acadando unha velocidade de procesado de 2,7 gigapíxeles por segundo, ou ráfagas de 120 fotografías de 12 megapíxeles nun segundo.

Polo tanto, estamos ante un procesador capaz de gravar vídeo 8K a 30 fps, ou en 4K HDR a 120 fps, e manexar fotografías de até 200 megapíxeles sen “zero shutter lag”, o que fai que esté á altura dos terminais máis exixentes neste eido.

Intelixencia artificial e mundo gaming

Tamén aposta este novo procesador de Qualcomm pola Intelixencia Artificial (IA), incluíndo un redeseñado Hexagon 780, capaz de manexar 26 tera operacións por segundo. Está acompañado do novo Sensing Hub, e a maiores o fabricante afirma que eliminou a distancia entre os acelerados AI, fusionándoos para un procesado máis inmediato.

Tamén hai melloras no mundo gaming, apostando polo Elite Gaming, no que a estratexia está por apostar por atender a necesidade de gráficos para acadar un HDR con profundidade de cor de 10 bits, e sporte para renderizados de até 144 fps.

Primeiros smartphones co Qualcomm Snapdragon 888

Coñecido o novo procesador Qualcomm Snapdragon 888 a pregunta é a seguinte: cando o veremos en acción?

O máis probábel é que sexa a comezos de ano, cando empecemos a ver a nova fornada de dispositivos. Fabricantes como Xiaomi, co seu Mi 11, ou Realme e Oppo, xa confirmaron que serán “dos primeiros” en incluílo, mais tamén é seguro que o veremos nalgunha das versións do Galaxy S21 de Samsung e en moitas outras marcas.

Sobre o autor

No Responses

Reply