Volve Airtel como operadora virtual de fibra e móbil

As máis nostálxicas das telecomunicacións de seguro que celebran o regreso de Airtel, a marca que en 1995 iniciou as súas operacións no Estado español, rematando co monopolio da telefonía móbil, daquela en mans de Moviline (Movistar). Airtel teríase convertido en 2001 en Vodafone, un cambio de nome que se produxo logo de que a marca británica se fixese co control da compañía.

Agora, Airtel regresa como operadora móbil virtual, ofrecendo tanto servizos de móbil como de fibra, e usando a cobertura de Vodafone. Porén, nada ten que ver coa marca orixinal, xa que esta pertence a unha empresa chamada “Airtelianos SL”, con domicilio social en Albacete.

Entón… é legal? Como é posíbel? Pois semella que Vodafone deixou caducar a marca – descoñecemos se á mantenta ou por “despiste” – e alguén aproveitou o tirón que puidera ter nas nostálxicas para facerse con ela, e agora poder ofrecer servizo baixo esta denominación e imaxe.

Tarifas

Como xa avanzamos, a nova Airtel ofrece servizos de fibra e móbil, cunhas tarifas bastante atractivas e apostando por boas cantidades de datos a prezos reducidos.

Se falamos de tarifas só móbil, temos as seguintes opcións, todas elas con chamadas ilimitadas incluídas (a un máximo de 150 destinos diferentes):

  • 8 GB por 9 €/mes
  • 10 GB por 10 €/mes
  • 12 GB por 11 €/mes
  • 30 GB por 11,70 €/mes
  • 120 GB por 23 €/mes

Pode sorprender a pouca diferenza, apenas 70 céntimos, entre a tarifa de 12 e a de 30 GB, así como tamén o volume da datos que ofrece por 23 € (120 GB). Porén, estas dúas tarifas teñen letra pequena adicional, non permitindo o uso das SIM en routers, modems ou outros dispositivos de concentración de tráfico, nin tampouco o uso compartido dos datos as 24 horas ao día

En canto á fibra, Airtel ofrece velocidades de 100, 300 e 500 megas simétricos por 27, 34 e 39,99 €/mes, respectivamente. En todas elas, a alta é gratuíta, pero existe unha permanencia de 12 meses.

A oferta complétase cun plan de fibra e móbil que permite disfrutar de fibra 100 megas e móbil con ilimitadas e 30 GB por 39 €/mes, e un plan “amizades” que premia cun mes gratis de servizo por cada amizade que se traia á compañía, cun máximo de 12 amizades.

Haberá que ver o futuro desta nova OMV que nace á sompra dunha marca que outrora supuxo un fito na telefonía móbil, o que pode supór un verdadeiro empuxón ou simplemente unha anécdota.

Sobre o autor

Reply