Analizamos a Samsung Galaxy Tab S7+

Coincidindo co lanzamento da familia Galaxy Note20, Samsung anunciou cara finais de verán a súa tablet referencial de gama alta para este 2020, a Samsung Galaxy Tab S7+. Trátase dun produto destinado a competir coas mellores alternativas da gama, como o iPad Pro de Apple e o MatePad Pro de Huawei.

Durante as últimas semanas estivemos a probar unha unidade, concretamente unha versión WiFi, aínda que tamén existe a variante 5G, coa que podemos sacarlle aínda máis partido se precisamos un produto en mobilidade, beneficiándonos das vantaxes das tarifas con multiSIM que ofrecen a práctica totalidade das operadoras.

Deseño e acabados

Unha das primeiras cousas que chama a atención nunha primeira aproximación á tablet é o seu tamaño. Samsung decidiu apostar por un dispositivo de gran formato (285 x 185 milímetros), para integrar unha pantalla grande, o que non implica que se vaia a un dispositivo ancho – tan só 5,7 milímetros – nin pesado (575 gramos).

Fabricada en aluminio, a parte traseira conta cun deseño que fai que se identifique rapidamente cun dispositivo premium, que só se ve alterado por unha parte en cristal na prolongación da cámara, que coincide co punto magnético onde se pode manter o S-Pen.

Dándolle unha volta arredor, atopámonos con que en ambos laterais – se a sostemos horizontalmente – temos os catro altofalantes que firma AKG. No lateral dereito sitúase o conector USB-C, e no inferior os pins de conexión para o teclado físico. Finalmente, na parte superior temos os botóns de inicio e control de volume, así como a bandexa extraíbel para a tarxeta microSD (que se compartiría coa SIM no caso da versión 5G).

Na parte frontal temos a cámara, que se sitúa no marco superior (se a suxeitamos en horizontal), o que volve a confirmar que Samsung pensa neste dispositivo como uso maioritario nesta orientación. O lector de pegadas dixitais sitúase na pantalla, concretamente na parte central dereita (suxeitada en horizontal) ou na parte inferior central (se a suxeitamos en vertical), de maneira que resulta máis cómoda se empregamos o polgar dereito para desbloquear o dispositivo.

Resumindo, en termos de deseño estamos ante un dispositivo que amosa a súa calidade desde o primeiro vistazo, o cal supón un acerto, desde o punto de vista de estar a traballar cun trebello premium.

Hardware e rendemento

A tablet vén cun dos procesadores máis potentes de Qualcomm con velocidades de CPU de 3.09 GHz, 2.4 GHz e 1.8 GHz, así como diferentes configuracións de memoria dispoñíbeis (6 + 128 GB, 8 + 256 GB e 8 + 512 GB), en todos os casos coa memoria ampliábel mediante tarxetas microSD de até 1 TB de capacidade. O modelo que analizamos nós era de 8 + 256 GB.

Dispón de WiFi 802.11 a/b/g/n/ac/6, de dobre banda, WiFi Direct, Bluetooth 5.1 e tamén de diversos sistemas de posicionamento (GPS, GLonass, Beidou e Galileo).

O rendemento é sobresaínte, cun funcionamento fluído que permite ás usuarias requirirlle mover calquera tipo de aplicación ou xogo sen problema, cando menos na versión que probamos nós con eses 8 GB de memoria RAM. As transicións son rápidas, sen interferencias, polo que en conxunto resulta ser un dispositivo axeitado para calquera actividade que consideremos.

Pantalla e son

A pantalla é, sen lugar a dúbidas, un dos aspectos nos que máis adoita destacar Samsung fronte a súa competencia, e neste modelo non ía ser diferente. A Galaxy Tab S7+ vén cunha pantalla de 12,4 polgadas e unha resolución WQXGA+ (1752 x 2800 píxeles), uns 266 píxeles por polgada, un chisco por baixo dos 300 que se adoitan considerar “mínimos”, pero que non botaremos en falta.

É ademais compatíbel con HDR10+, interesante para o consumo de multimedia, especialmente nas plataformas de streaming que xa o incorporan – como Netflix – e dispón de gran viveza de cor grazas ao uso dunha configuración de pantalla intensa por defecto, pero que pode alterarse manualmente se nos resulta demasiado estridente e acaba por cansar a vista.

A taxa de refresco é de 120 Hz, permitindo unhas transicións máis fluídas, pero tamén se pode modificar manualmente a 60 Hz se valoramos máis extender o uso da batería fronte a usar a pantalla a pleno rendemento.

No son, unha vez máis Samsung decidiu apostar pola calibración de AKG, e a verdade é que nos parece un acerto. A tablet consegue un son de calidade, con envolvencia Dolby Atmos para unha experiencia máis inmersiva no consumo de multimedia. Iso si, non dispomos de jack de audio para auriculares, polo que debemos usar uns conectados por Bluetooth ou optar por un modelo cableado a través do USB-C.

Cámara

A tablet vén equipada cunha cámara principal traseira dobre, formada por un sensor principal de 13 megapíxeles con apertura f/2.0 e outro secundario, un gran angular de 5 megapíxeles con apertura f/2.0.

Nun trebello coma este, estamos certas de que cobra moita máis importancia a cámara dianteira, sobre todo se falamos do seu uso para videoconferencias, e neste caso temos unha cámara de 8 megapíxeles con f/2.0.

Como cámara “de calidade”, a principal ofrece uns mellores resultados, mais a frontal ofrece unha calidade máis que aceptábel para selfies en primeiro plano ou para afrontar as videochamadas.

En calquera caso, o que comentamos sempre: non podemos esperar dunha cámara dunha tablet, por moito que sexa de gama alta, os resultados dunha cámara dun smartphone da mesma categoría.

Software e S-Pen

A tablet vén con Android 10 con One UI 2.5, a interface propia na que Samsung ten traballado moito durante os últimos anos para mellorar a experiencia das usuarias.

As melloras tradúcense en que a tablet resulta máis funciona para usar como ferramenta de traballo, e temos características como DeX (que ofrece a posibilidade de empregar a tablet cun modo “escritorio” cando temos conectado o teclado, o cal pode resultar máis útil), ou as derivadas da presenza do S-Pen.

E é que si, a tablet vén cun S-Pen, o lapis icónico de Samsung, cun tamaño de lapis “real”, que permite tomar notas manuscritas – que logo poden ser adaptadas a texto rapidamente – ou debuxar cun nível de detalle extraordinario. E é que máis aló das notas, as opcións que ofrece o lapis multiplícanse se temos esa vea artística, ou se traballamos – por exemplo – no ámbito comercial, xa que permite axilizar moitos dos procesos.

O punto software negativo é o que puideran ter todas as tablets Android, que é que nos atopamos moitas aplicacións que non contan con adaptacións pantallas de gran formato, ofrecendo a experiencia móbil que non é nin de lonxe a mesma.

Batería

A autonomía da tablet vén dada por unha batería de 10.090 mAh, que nos ofrece algo máis de 12 horas de pantalla activa consumindo contidos, o cal nos parece bastante razoábel.

A cousa cambia se interactuamos moito coa pantalla, que vemos como se reduce algo até ficar nunhas 10 horas de uso, que segue sendo unha autonomía moi destacábel para un trebello destas características.

É compatíbel coa carga rápida de até 45 W, pero iso si, non vén incluído o cargador desa capacidade na caixa, polo que se queremos desfrutar desta característica ao 100 % debemos adquirilo por separado. O certo é que, para o noso uso, non o botamos en falta, grazas á gran autonomía, mais si que sería necesario se nos atopásemos coa tablet sen apenas carga e quixéramos facer un uso intenso.

Conclusións

A Samsung Galaxy Tab S7+ é unha tablet espectacular, pola conxunción de moitas características que destacan, e confirma a vontade do fabricante por posicionarse neste segmento de produto.

A pantalla é sen dúbida o elemento que máis destaca, pero tamén vén acompañada dun procesador que resolve sen maior complicación calquera demanda, unha capacidade de memoria suficiente e un son que nos permite disfrutar do ocio.

Trátase dun modelo axeitado para aquelas persoas que buscan un produto de gran calidade, e que lles resolva calquera aplicación que poidan usar. Recomendamos, para sacarlle todo o partido, facerse tamén coa funda con teclado físico.

Está dispoñíbel desde 899 €, co teclado á parte por 229 €, un accesorio que consideramos básico se queremos sacarlle todo o potencial. Os prezos varían segundo a configuración elixida de memorias e conectividade, e pode adquirirse a través da web de Samsung ou nas tendas habituais.

Sobre o autor

Reply