Telefónica supera os seus obxectivos de despregamento de 5G, cubrindo xa o 76% da poboación do Estado

Esta semana Telefónica anunciou que vén de superar os seus obxectivos de despregamento de redes 5G no Estado español previstos para este 2020, nos que a compañía marcaba como obxectivo chegar a 921 localidades cubrindo o 75% da poboación. Porén, a operadora enfila o final de ano con máis de 1.200 poboacións de todo estado conectadas ás redes de nova xeración, o que supón o acceso a máis do 76% do total das habitantes do Estado.

A principal vantaxe desta nova xeración de telefonía móbil é que permite a a conectividade ultrarrápida, cunhas capacidades diferenciais en termos de ancho de banda (tanto en subida como en baixada), ademais de moi baixa latencia e capacidade para conectar millóns de dispositivos. Isto último resulta especialmente interesante para a explosión da Internet das Cousas (IoT), con obxectos cotiáns conectados e intercomunicándose entre si para facilitar o noso día a día.

Para facer posíbel este despregamento de rede 5G, Telefónica instalou máis de 4.000 nodos repartidos por todo o Estado, cubrindo todas as capitais de provincia, o 100% dos concellos con máis de 250.000 habitantes e moitos lugares pequenos, incluídos varios por baixo da barreira das 1.000 habitantes, como é o caso de A Teixeira, en Ourense, onde viven 316 persoas.

Nesta primeira fase do despregamento do 5G de Telefónica, a compañía está traballando coas últimas xeracións de radio que permiten o dobre uso 4G e 5G, co obxectivo de levar esta nova tecnoloxía ao máximo da poboación desde o primeiro momento. Para iso, está facendo uso dos emprazamentos e infraestruturas (antenas) actuais, para posteriormente ir completando a rede con novas estacións base e small cells, segundo a capacidade ou as necesidades de cobertura o vaian requirindo.

A tecnoloxía usada nesta fase combina o despregamento do 5G NSA (Non Stand Alone) e DSS (Dynamic Spectrum Sharing), para poder despregar inmediatamente despois a rede 5G SA (Stand Alone), cando esta tecnoloxía estea plenamente dispoñíbel despois da súa estandarización. Para iso estase facendo uso das bandas de 3,5 GHZ (única banda 5G licenciada ás operadoras na actualidade), ademais das bandas medias (1800 – 2100 MHz), onde actualmente está o 4G, aproveitando as posibilidades que ofrecen os equipos NR (New Radio), capaces de funcionar en ambas tecnoloxías 4G e 5G á vez.

A previsión de Telefónica é seguir avanzando nos próximos meses na evolución da rede actual á 5G, co obxectivo de apagar no 2025 as redes 2G e 3G.

Sobre o autor

Reply