O Xiaomi Mi Watch Lite xa está dispoñíbel no noso país

Pouco despois do seu anuncio oficial, o fabricante chinés Xiaomi vén de confirmar a chegada ao noso país do novo smartwatch da compañía, o Mi Watch Lite. Trátase dun dispositivo pensado para aquelas persoas entusiastas da vida activa, ás que lles ofrece a monitorización da saúde así como unha visualización completa da condición física.

O dispositivo está equipado cunha pantalla TFT/LCD de 1,4 polgadas e resolución de 320 x 320 píxeles. No seu interior leva unha batería de 230 mAh de capacidade (uns 9 días de autonomía), así como diversos sensores de medición, para obter os datos do ritmo cardíaco, sono e respiración. Ademais, leva acelerómetro, xiroscopio e GPS. Isto último implica que podemos empregalo para a práctica deportiva e gravar o percorrido sen necesidade de levar o teléfono con nós.

Dispón de 11 modos de adestramento para o control de exercicios, a posibilidade de recibir notificacións directamente no pulso – con notificacións push que inclúen emojis – e unha batería capaz de ofrecer até 9 días de autonomía.

Dispoñibilidade e prezo

O Xiaomi Mi Watch Lite xa está á venda no noso país, a través da web da compañía mi.com, nas tendas da marca, Amazon, MediaMarkt e El Corte Inglés por 59,99 euros, en negro azul e branco.

Porén, en varios destes puntos figura como esgotada, e nos que a hai unicamente aparece o modelo negro, algo que imaxinamos que se irá regularizando nos próximos días.

Sobre o autor

Reply