O ZTE Axon 20 5G, con cámara baixo a pantalla, xa se pode mercar no noso país

ZTE vén de poñer á venda no noso país o ZTE Axon 20 5G, un terminal anunciado o setembro pasado que destaca por ser o primeiro que incorpora a cámara frontal baixo a pantalla, ademais de por ser compatíbel – como o seu propio nome indica – coas redes de quinta xeración que xa están dispoñíbel nas principais operadoras.

O dispositivo incorpora unha pantalla fabricada con tecnoloxía OLED de 6,92 polgadas con resolución Full HD+ (2460 x 1080 píxeles) e taxa de refresco de 90 Hz. No seu interior incorpora o Qualcomm Snapdragon 765G, o procesador máis relevante actualmente no mercado dentro da gama media compatíbel con 5G, que está acompañado de 6 ou 8 GB de RAM e 64, 128 ou 256 GB de almacenaxe interna, segundo versións.

No apartado fotográfico temos unha cámara principal cuádruple, conformada por un sensor principal de 64 Mpx que está acompañada por un gran angular de 8 Mpx, un sensor macro de 2 Mpx e un sensor de profunidade de 2 Mpx. A cámara dianteira sitúase nos 32 Mpx, coa peculiaridade de estar agochada baixo o panel frontal, non restando espazo á pantalla.

Dispón de sensor de pegadas dixitais baixo a pantalla, e conectividade USB-C, ademais de 5G, 4G/LTE, Bluetooth 5.1, WiFi 5, GPS, Glonass e NFC para pagos móbiles. A súa batería é de 4220 mAh con carga rápida de 30 W. O sistema operativo é Android 10, personalizado coa capa MiFavour 10.5.

Dispoñibilidade e prezo

Como avanzamos ao comezo do artigo, o ZTE Axon 20 5G xa se pode mercar no noso país, a través da páxina europea da compañía. Comercialízase na versión de 8 + 128 GB e unicamente en cor negra por 449 euros, aínda que existen outras variantes de capacidade e cor, que de momento non se poden mercar aquí.

Máis información | Tenda online ZTE

Sobre o autor

Reply