HiSense A7 5G, con pantalla de tinta electrónica

A marcha chinesa HiSense é coñecida en toda Europa polos seus produtos de gama branca (electrodomésticos) e marrón (televisores), mais pouco polo seu porfolio de smartphones e dispositivos de similares características. Porén, estes si que se comercializan na China, onde se poden atopar varios modelos, entre eles a “gama A”, unha familia de smartphones que destacan por incorporar pantalla de tinta electrónica.

O último deses dispositivos en incorporarse á familia é o HiSense A7 5G, un terminal que destaca por ser o primeiro terminal 5G que integra unha pantalla de tinta electrónica, concretamente un panel de 6,7 polgadas con resolución de 300 píxeles por polgada e retroiluminación, moi pensada para persoas que len moito no seu dispositivo. A través de software, o fabricante permite seleccionar diferentes taxas de refresco: 688 ms, 364 ms, 174 ms ou 136 ms.

No seu interior atopámonos con características dun terminal de gama media. O seu procesador é o UNISOC Tiger T7510, un modelo pouco habitual en Europa, pero coñecido por estar presente en varios modelos chineses e ser dos primeiros en fabricarse en 6 nm.

Xunto a este procesador temos 6 GB de memoria RAM e 128 GB de almacenaxemento interno, ademais dunha batería de 4770 mAh con carga rápida de 18W. Dispón tamén de lector de pegadas dixitais, situado na parte traseira do dispositivo, e conector de audio jack de 3.5 mm.

Dispoñibilidade e prezo

O novo HiSense A7 5G está dispoñíbel en dúas cores, branco ou negro, por uns 250 euros ao cambio.

Sobre o autor

Reply