Virgin Telco mellora as súas tarifas desde o 1 de xaneiro

Virgin Telco, a marca coa que o Grupo Euskaltel está a avanzar nos territorios que non abarca cos cableiros do norte (R, Telecable, Euskaltel), vén de anunciar novidades nas súas tarifas de móbil de cara o próximo ano, concretamente a comezar o 1 de xaneiro do 2021.

Estas melloras teñen como principal obxectivo mellorar sustancialmente a franquía de datos que inclúen, sen que isto supoña modificar as condicións á clientela, e sen que esta teña que facer nada. Ademais, con estes cambios, a operadora sitúase entre as que mellor relación calidade – prezo acada fronte á súa competencia máis directa, que inclúe marcas como Lowi, Simyo, Finetwork ou Suop, entre outras.

No caso de tarifas “só móbil”, onde a operadora ofrece dous plans, amplíase en 5 GB a franquía de datos incluída polo mesmo prezo, quedando do seguinte xeito:

  • 15 GB + chamadas ilimitadas por 9 €/mes (actualmente 10 GB)
  • 25 GB + chamadas ilimitadas por 14 €/mes (actualmente 20 GB)

No caso de servizos converxentes, a mellora na franquía de datos nas liñas móbiles adicionais é aínda máis notoria, incrementándose en 15 e 80 GB, cada unha das tarifas, tal e como segue:

  • 25 GB + chamadas ilimitadas por 9 €/mes (actualmente 10 GB)
  • 100 GB + chamadas ilimitadas por 14 €/mes (actualmente 20 GB)

Este movemento, que chega pouco despois do lanzamento da compañía, ten como obxectivo posicionarse como unha das alternativas non só máis económicas, senón tamén con mellor imaxe entre a súa potencial clientela, algo que sen dúbida fará que moitas e moitos decidan fixarse na súa oferta.

Sobre o autor

Reply