Xiaomi anuncia o Mi 11

Sen chegar a esperar para rematar este 2020, Xiaomi fixo onte oficial o Xiaomi Mi 11, o seu novo dispositivo de gama alta referencial para o 2021, conseguindo así o fito de converterse no primeiro smartphone que incorpora o novo procesador Qualcomm Snapdragon 888, presentado a comezos deste mes de decembro, e do que demos conta nun post que publicamos hai uns días.

O novo trebello do fabricante chinés está equipado cunha pantalla AMOLED de 6,81 polgadas con resolución 2K (515 píxeles por polgada, QHD+) e taxa de refresco de 120 Hz (fronte os 90 Hz da xeración anterior), que funcionan tamén a máxima resolución. Este panel cúrvase lixeiramente nos laterais, como adoita acontecer en moitos dispositivos desta gama, e ten un pico de brillo máximo de 1.500 nits. Tamén é de salientar que é compatíbel con HDR10+.

Se falamos do seu interior hai que destacar a presenza do novo procesador Qualcomm Snapdragon 888, que supón un avance fronte o modelo interior, ao incorporar arquitectura de 5 nanómetros, ter os novos núcleos Kyro e integrar o módem 5G X60, mellorando así a potencia e a eficiencia enerxética. Está acompañado dunha memoria RAM de 8 ou 12 GB e de 128 ou 256 GB de almacenaxe interna, dependendo das versións.

En fotografía temos unha cámara frontal cun sensor único de 20 Mpx, mentres que no módulo de cámara traseiro temos un sensor principal de 108 megapíxeles, con lente de sete elementos e estabilizador de imaxe, acompañado de outros dous, un de 12 Mpx Ultra Gran Angular e un terceiro de 5 Mpx para macro.

Non lle faltan opcións de conectividade, incorporando as últimas tecnoloxías, como o 5G, o WiFi 6, o Bluetooth 5.1 ou o USB tipo C. Tamén dispón de NFC, sensor de infravermellos e lector de pegadas dixitais, situado por baixo da pantalla.

A súa batería é de 4.600 mAh de capacidade, con carga rápida de 55W e carga sen fíos de 50W. Tamén dispón de carga inversa, neste caso a 10W. En canto a sistema operativo, vén con Android 11 con MIUI 12.5.

Sen cargador na caixa

O lanzamento deste terminal viuse envolto en certa polémica nas redes pola decisión do fabricante de non introducir o cargador na caixa xunto co dispositivo, que se pode adquirir por separado por uns 25 euros ao cambio.

Non sabemos se foi por calar as críticas ou se xa estaba previsto, mais Xiaomi apuntou a última hora que poría a disposición das usuarias – a lo menos na China – as dúas opcións ao mesmo prezo: adquirir o terminal con ou sen cargador.

Dispoñibilidade e prezo

Polo de agora non sabemos de forma oficial cando vai estar dispoñíbel este modelo no noso país, e a única referencia que temos é a da China, onde se pode adquirir a partir duns 500 euros ao cambio na versión máis básica:

  • Mi 11 (8 + 128 GB): uns 500 € ao cambio.
  • Mi 11 (8 + 256 GB): uns 540 € ao cambio.
  • Mi 11 (12 + 256 GB): uns 590 € ao cambio.

Por ter unha referencia, o predecesor, o Xiaomi Mi 10, chegou ao noso país por uns 800 euros, aínda que a dia de hoxe xa se pode adquirir por algo menos de 500.

Sobre o autor

Reply